​A XUNTA INVESTIRÁ 500.000 EUROS NO NOVO SERVIZO DE HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO DO ÁLVARO CUNQUEIRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 05 2022
 
O Sergas xa avanzou no proceso para dotar de novas dependencias ao servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO), no que investirá 500.000 euros.
 
Así, vén de anunciar a contratación da redacción do proxecto básico e de execución da obra de reforma para a nova localización deste servizo no Hospital Álvaro Cunqueiro, por un importe de 29.363,23 euros.
 
Esta nova dotación enmárcase nos 5,7 millóns de investimentos nese hospital, tal e como foi anunciado polo  Consello da Xunta de Galicia.
 
O obxectivo destas actuacións é dotar ao Cunqueiro de novos espazos e equipamento, xa que o Executivo galego considera que, unha vez consolidado este hospital, é o momento de afrontar actuacións para reforzar a súa funcionalidade. Precisamente, hai uns días tamén se anunciou a licitación da obra de  Unidade de Necropsias por 300.000 euros.
 
Así, executaranse obras que mellorarán -ademais de áreas de HADO ou Anatomía, Patolóxica- outras como como a saúde mental, a cardioloxía, e enfermidades raras.
 
Emprazamento definitivo e crecemento de persoal
A pandemia obrigou a diferenciar circuítos Covid/Non Covid, moi especialmente nos servizos de urxencias, e para isto foi necesario expandir o servizo de urxencias, ocupando espazos contiguos asignados a HADO. En consecuencia, de xeito provisional, HADO tivo que ser reubicado na zona de Docencia.
 
Con este proxecto, Hospitalización a Domicilio disporá dun espazo definitivo e ben dimensionado, deseñado para á asumir o crecemento de persoal previsto no Plan Autonómico de HADO, que plantexa dotalo cun equipo máis, integrado por un facultativo e profesional de enfermaría.
 
No momento actual,  o servizo conta 15 efectivos –6 médicos/as e 8 enfermeiras/os e 1 administrativo- que dan cobertura domiciliaria a toda a poboación de todos os concellos da Área Sanitaria de Vigo.
 
Presta asistencia a pacientes que, polas súas doenzas ou características, necesitarían ingreso hospitalario pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais sanitarios subministran os mesmos coidados e atencións que nun ingreso hospitalario convencional.
 
Trátanse pacientes con diversas patoloxías, non só oncolóxicos, incluídos enfermos con necesidades paliativas. O pasado ano, os profesionais de HADO atenderon a 885 pacientes nas súas casas.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde