GALICIA CONTARÁ NESTA LEXISLATURA CUNHA GUÍA PROPIA DE ATENCIÓN Á ENDOMETRIOSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 05 2022

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta tarde no Parlamento de Galicia, a elaboración dunha guía propia para a atención á Endometriose, no transcurso da actual lexislatura.
 
Durante a súa intervención na cámara galega, García Comesaña subliñou que o Servizo Galego de Saúde vén de acadar o obxectivo fixado de contar con consultas específicas para a  Endometriose en todas as súas áreas sanitarias, tras poñer en marcha a sétima unidade na área de Pontevedra e O Salnés. “Estas consultas permiten que os profesionais da atención primaria poidan derivar ás pacientes a consultas específicas sobre esta doenza”, e por tanto, “contar cun diagnóstico no menor tempo posible”, apuntou o conselleiro.
 
O responsable da carteira sanitaria da Xunta enumerou os avances que leva implementado o Executivo galego na abordaxe da endometriose, destacando a ampla dotación de recursos que levou a cabo nos últimos anos o Executivo galego, e que permitirá incrementar a capacidade de diagnóstico do Sergas.
 
Neste senso, detallou que o pasado ano Xunta iniciou o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario dotado con 60 millóns de euros, e que permitiron a compra dos Da Vinci e 37 equipos radiocirúrxicos, así como iniciar dúas licitacións para incorporar 64 ecógrafos.  Con este equipamento, abundou o conselleiro, “aumentamos a capacidade de diagnóstico permitindo a mellora na realización de ecografías, especialmente nos servizos de urxencias, xa que este o método principal co que se acada un diagnóstico de Endometriose”.
 
En canto ás posibles derivacións de pacientes con esta enfermidade a outros servizos sanitarios españois, explicou que “polo o de agora, non foi preciso derivar ningún caso fóra da Comunidade Autónoma, xa que todos puideron ser abordados no Sergas”.
 
Por último, o conselleiro de Sanidade remarcou a aposta formativa e divulgativa que esta a levar a cabo o Servizo Galego de Saúde no referido á Endometriose. Unhas accións que teñen por obxecto ampliar o coñecemento sobre os factores de risco e os síntomas máis frecuentes da enfermidade, ademais de incrementar a sensibilización sobre este problema de saúde das mulleres.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde