O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu hoxe, no Museo Pedagóxico de Galicia, a entrega de premios aos gañadores do IV Concurso de Carteis para Escolares, e do VIII Concurso de Curtametraxes para escolares, os dous coa doazón e o transplante como elementos principais. O acto, celebrado con motivo da conmemoración do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, contou coa presenza de Marisa López García, directora de ADOS, e de Jesús Manuel Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
O conselleiro de Sanidade salientou a importancia de seguir traballando na sensibilización das persoas máis novas para crear unha conciencia social favorable ao xesto solidario da doazón e os transplantes. Julio García Comesaña, puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos en Galicia pola Coordinadora Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e de todos os integrantes da comunidade educativa galega.
Así mesmo, o titular da carteira sanitaria do Executivo Galego quixo resaltar que todo o traballo a prol do fomento da doazón de órganos, así como o esforzo desenvolvido polo sistema público de saúde de Galicia e a xenerosidade cidadán, permitiron que, no transcurso do pasado ano, e a pesares da crise sanitaria pola pandemia da covid, Galicia acadara unha cifra de 112 doantes de órganos, que permitiron realizar 298 transplantes. Neste sentido, o conselleiro subliñou que na actualidade, a data de 31 de maio, 120.500 galegas e galegos contan con tarxeta de doante de órganos, cifra que crece ao longo dos anos.
ADOS subliña a colaboración do tecido empresarial galego que apoia as iniciativas que favorecen a conciencia social a prol da doazón, como GADISA, representada no acto por Helena Barreiro, técnica de Responsabilidade Social Corporativa, empresa que colabora dende a primeira edición do concurso de debuxos para escolares, así como noutras iniciativas relacionadas coa doazón.
Premiados
Nesta cuarta edición do concurso de carteis para escolares relacionados coa doazón e o transplante, resultaron premiados nas categorías de quinto e sexto de educación primaria, co primeiro premio, “A mellor acción é a doazón”, de Rodrigo Pazos Gómez, do CPR San Narciso (Marín), e o segundo premio foi para “Espalla a maxia da vida. Doa”, de Joel Cabrera Vives, do CEIP Castrelo de Miño.
Na categoría de primeiro ciclo da ESO, resultou gañadora a obra “Doar dáche máis do que che quita”, de Miguel Fra Baltar, do IES Illa de Sarón (Xove), e o segundo premio acadouno “Sé o primeiro en doar”, de Ainoa Alonso Flores, do IES Pino Manso (O Porriño).
No apartado do VIII Concurso de Curtametraxes para escolares relacionados coa doazón e os transplantes, o primeiro premio recaeu na creación “Doar é gañar”, de Wendy Barros, Marcos Fernández, Ana García, Marcos Grandal e Andrea Peiteado, do ESAD Galicia (Vigo), sendo o segundo premio para a curtametraxe “Un órgano cambia unha vida. Ti elixes”, de Pablo Alonso Cora, José Manuel Álvarez Basanta e Agustín Sesar Moreiras, do IES Vilar Ponte (Viveiro).