A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, vén de publicar a licitación do equipamento para a futura nova área de Esterilización do Hospital do Salnés, cun investimento de 692.362 euros.
Cómpre lembrar que a obra deste proxecto adxudicouse á empresa Actividades de Infraestructuras Públicas e Conservación SL, cun investimento global de 743.986 euros, e contempla a construcción dunha nova Unidade de Esterilización que vai permitir duplicar a superficie actual dedicada a estes procesos médicos e á adaptación da capacidade do bloque cirúrxico do hospital arousán, tras a súa anterior ampliación de espazos e carteira de servizos.
Dita obra e o equipamento financiaranse co Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 con fondos React-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de COVID-19. Esta contratación potencia a cobertura sanitaria á poboación do Distrito Sanitario do Salnés coa adquisición do equipamento integral que conformará a nova central de esterilización, que vai prestar servizo ao novo bloque cirúrxico así coma ao resto de unidades asistenciais que así o requiran.
Emprazada na vertical do actual bloque cirúrxico
A nova área de Esterilización do Hospital do Salnés emprazaráse nun andar inferior e na vertical do actual bloque cirúrxico, con comunicación directa mediante senllos ascensores. Por tanto, procederase á completa renovación do equipamento do actual Servizo de Esterilización, que contará con novas estacións de lavados, de sellados e empaquetados, termodesinfectadoras, esterilizadores de última xeneración, sistemas de monitorización e de trazabilidade, cabinas de retorno, carros manuais e eléctricos de transporte, mesas de traballo e recepción de instrumental, estanterias etc.
Deste xeito, o novo equipamento adaptaráse ás novas esixencias de ergonomía, calidade do proceso e rastrexabilidade, seguridade e fiabilidade, así como ao aumento da demanda de material esterilizado no hospital arousán.
Para o dimensionamiento desta nova unidade realizouse un estudo partindo dos datos de actividade do Hospital do Salnés e a súa previsión de crecemento no medio e longo prazo.
Maior capacidade operativa
Esta nova área de Esterilización no centro sanitario de Ande-Rubiáns terá unha maior capacidade operativa, que permita procesar todo o instrumental, equipamento e accesorios cirúrxicos considerando a proxección de actividade futura do bloque cirúrxico do Hospital. Ademais, disporá de capacidade adicional para procesar o resto do material xerado nas áreas intervencionistas, consultas e gabinetes, Urxencias e similares.
Tamén contará cun maior grao de informatización e capacidade para integrarse no sistema en rede de xestión integral dos procesos desenvolvidos polo Servizo de Esterilización dispoñibles no resto de hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.