SANIDADE E MÉDICOS INTERNISTAS ACADAN UN ACORDO TRAS A XUNTANZA DESTA TARDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2022

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polos xerentes das áreas sanitarias, mantivo esta tarde unha xuntanza á que estaban convocados todos os xefes de Medicina Interna dos hospitais do Servizo Galego de Saúde. O conselleiro, que cualificou o ambiente da xuntanza como cordial, insistiu na importancia de manter as vías ordinarias de diálogo, como sempre se fixo.

No transcurso desta xuntanza, Consellería e internistas chegaron a un acordo que recolle por unha banda facer unha xestión centralizada das vacantes de todas as áreas e, pola outra que os contratos  de médicos internistas que se fagan en todos os hospitais da rede, poden incluír un período de colaboración no comarcal que o precise. Esta será unha medida que entrará en vigor inmediatamente. Outra das solucións propostas pola Consellería foi a de ofrecer aos internistas adiantar a resolución da OPE e o concurso de traslados, aínda que os facultativos preferiron agardar ata despois do verán.

Cómpre destacar que durante a xuntanza quedou claro que non houbo por parte do Sergas ningún tipo de maltrato aos profesionais e que sí houbo reforzo dos servicios de Medicina Interna durante a pandemia pola covid-19. O interese da Consellería de Sanidade é garantir o servizo tamén nos hospitais comarcais, que están a realizar un importantísimo labor. O sistema de contratación busca cubrir as necesidades de Medicina Interna dos hospitais comarcais, á vez que permite a contratación no resto de hospitais. 

Galicia supera a media nacional de internistas

O Servizo Galego de Saúde mantense por enriba da media nacional no que atinxe ao número de facultativos da especialidade de Medicina Interna, ao contar con 14,5 médicos por cada 100.000 habitantes, superando en case tres puntos os 11,8 médicos que rexistra a media nacional.

Na actualidade, un total de 253 profesionais -fixos e interinos- están vinculados á especialidade de Medicina interna no Servizo Galego de Saúde con praza estable. Ademais, nos orzamentos elaborados pola Xunta de Galicia para o ano 2022, incrementáronse as prazas destinadas a esta especialidade en 17, o que supón un incremento dun 6,2% do cadro de persoal estrutural.  Coa súa incorporación acadarase a cifra de 270 profesionais estables.

Nas derradeiras Ofertas Públicas Emprego convocáronse un total 47 prazas que están a piques de ser resoltas e, na OPE Extraordinaria para consolidación emprego, ofertáronse 36 prazas máis. 

Así mesmo en Medicina interna  nas cinco últimas ofertas de MIR convocáronse un total de 85 prazas, o 100% das acreditadas, o que demostra a prioridade que se lle ven dando dende o Sergas a esta especialidade. 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde