A XUNTA INCREMENTA ATA OS CASE 400.000 EUROS O FINANCIAMENTO DE PROGRAMAS DE INCORPORACIÓN SOCIAL PARA PACIENTES DE UNIDADES DE DROGODEPENDENCIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 06 2022

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou hoxe, convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e diversas asociacións para o desenvolvemento de programas de incorporación social a pacientes con trastornos aditivos, por un importe de 393.257 euros. No acto estivo presente, así mesmo, o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada.

As subvencións foron concedidas á Asociación Antonio Noche; á Asociación Aliad-Ultreia; á Fundación Érguete-Integración; á Asociación Vieiro; á Asociación Rexurdir Provincial; e á Asociación Renacer. Estas mesmas asociacións recibiron o ano pasado un total de 375.938 euros, o que supón un incremento dun 4,6% no orzamento deste ano.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas, a facilitar a prestación de servizos asistenciais e a promover a incorporación social de pacientes drogodependentes. Entre outros, teñen entre os seus obxectivos a cooperación con institucións públicas e privadas nas distintas vertentes da problemática das drogodependencias e o desenvolvemento, xestión e coordinación dos programas asistenciais e de incorporación social do consumo de drogas en Galicia.

A Xunta inviste este ano máis de 11,4 millóns de euros para tratar as adicións

O financiamento global que a Xunta vai dedicar este ano á atención ás adicións dende equipos multidisciplinares e de 11.412.324 euros. Esta cantidade supón un incremento de máis de 500.000 euros respecto ao orzamento de 2021 que foi de 10.908.747 euros. 

Isto tradúcese nun aumento no financiamento de todos os programas derivados desta partida. Así, o incremento da contía dos convenios asinados hoxe súmase ao experimentado polos rubricados en abril para desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos, que medraron un 8% ata os 6,8 millóns.

Ademais, este mes de xaneiro publicouse a convocatoria de axudas ás entidades sen ánimo de lucro, para realizar programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias. Para o financiamento destas subvencións  preveuse un crédito inicial de 250.000 €, o que supón un incremento dun 10% respecto á convocatoria do ano pasado.

Finalmente, a actuación da Xunta de Galicia para a atención a pacientes con trastornos adictivos, complétase coa colaboración cos concellos para soster as unidades de atención á drogodependencias, unha colaboración que neste ano 2022 superará por primeira vez os catro millóns de euros.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde