SANIDADE VAI COMEZAR A PILOTAXE NA ÁREA SANITARIA DE FERROL DUNHA APLICACIÓN QUE PERMITA A PACIENTES E PROFESIONAIS SANITARIOS UN SEGUIMENTO DA DIABETES A TRAVÉS DO MÓBIL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 06 2022

A Consellería de Sanidade está a piques de iniciar, neste mes ou comezos do seguinte, na área sanitaria de Ferrol, a pilotaxe dunha aplicación que permita a pacientes e a profesionais sanitarios un seguimento da diabetes a través do teléfono móbil. Deste xeito, no caso de detectarse algunha alerta, esta notificarase de inmediato ao seu médico, e poderanse incorporar de forma automática as medicións continuas de glicosa e parámetros das bombas de infusión ao historial clínico.

Desta iniciativa falou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inauguración, no Edificio Docente Roberto Novoa Santos, emprazado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, da IV Xornada Medrando coa Diabetes, que contou coa intervención de María José Rego, presidenta da Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (ANEDIA); e do xefe de servizo de Endocrinoloxía do hospital santiagués, Miguel Ángel Martínez Olmos.
 
O titular da carteira sanitaria tamén dixo que o seu departamento está a traballar na actualización do proceso asistencial integrado diabetes mellitus tipo 2, e, tamén, na adquisición de sensores tipo flash e de bombas de insulina.
 
O conselleiro agradeceu aos membros da directiva de ANEDIA e ao equipo de especialistas e de colaboradores todo o labor que desenvolven, un agradecemento que trasladou, igualmente, a relatores, persoal sanitario, pacientes e familias que, nesta xornada, poñen á nosa disposición os seus coñecementos e a súa experiencia diaria coa enfermidade.
 
Estamos a falar dun desorde metabólico, -recordou o conselleiro-, que afecta a máis do 10% da poboación galega –nas persoas maiores de 70 anos, esta porcentaxe dispárase ata o 70%-.  Pero as peores taxas de crecemento da enfermidade rexístranse en nenos e adolescentes.
 
Incorporación da tecnoloxía máis avanzada
Tal e como remarcou García Comesaña, na constante procura da mellora do benestar, o Sergas foi incorporando, ao longo dos últimos anos, a tecnoloxía máis avanzada en todos os seus niveis asistenciais, coa dotación de equipamento para o diagnóstico precoz de complicacións, como retinógrafos ou os ecodóppler; coa dispensación de sensores tipo flash, coa implantación da interconsulta electrónica, ou coa incorporación da plataforma de teleasistencia domiciliaria Telea, para o seguimento dos doentes crónicos.
 
É necesario poñer especial atención na prevención e no tratamento precoz da diabetes, co fin de atrasar a aparición de complicacións e de mellorar a calidade de vida. Ao redor do 70% dos casos da diabetes tipo 2 poderíanse previr intervindo no estilo de vida, educando en hábitos saudables e mellorando a nutrición e a actividade física. E ese foco, -dixo o conselleiro-, debemos poñelo xa na idade pediátrica. Así, actuando nos primeiros anos de vida, poderemos asentar estilos de vida beneficiosos para a saúde, -concluiu-.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde