SANIDADE APROBARÁ NOS VINDEIROS DÍAS OS CRITERIOS DE CALIDADE DAS AXENDAS DE HIXIENE BUCODENTAL DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 06 2022

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe que o seu departamento aprobará, nos próximos días, o documento: “Criterios de calidade das axendas de hixiene bucodental de atención primaria”. Esta iniciativa da Xunta, enmarcada no Plan Galego de Atención Primaria, é o resultado do traballo de hixienistas bucodentais das distintas áreas sanitarias, e nela se establece o concepto de axenda de calidade, os seus obxectivos, a responsabilidade na súa xestión e a súa estrutura.

Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego no acto de inaguración do III Congreso Nacional Multidisciplinar de Hixienistas Dentais “Sonrie Vigo22”, as axendas de calidade, medida organizativa que permite optimizar os tempos dos profesionais, adaptándoas ás necesidades reais das súas consultas, ademais de seren homoxéneas nas sete áreas sanitarias, estarán adaptadas á actividade real, e terán en conta os cupos e as características sociodemográficas da poboación.
 
Ampla carteira de servizos
Segundo sinalou o conselleiro, cada vez máis, hai unha sensibilidade maior sobre a importancia da saúde bucodental e da necesidade de abordar factores de risco como a inxesta elevada de azucres, e o consumo de tabaco e alcóhol. A tal efecto, é importante traballar de forma interdisciplinar e multidisciplinar. Neste punto, -dixo García Comesaña-, as administracións públicas temos que ser as primeiras implicadas en incidir neste enfoque preventivo, e incluír a promoción da saúde bucal en todos os ámbitos, o familiar, o educativo e o laboral.
 
Do mesmo xeito, débese continuar coa aposta por unha atención oportuna, integral e inclusiva dentro do sistema de atención primaria de saúde, que é o que Galicia leva facendo xa un tempo. De feito, -remarcou o responsable da sanidade pública galega-, a nosa Comunidade conta cunha das carteiras de servizos más amplas de España. Así, o Sergas dispón dun programa de saúde bucodental que comprende o conxunto de actividades diagnósticas, terapéuticas e de prevención da enfermidade, ademais das de promoción e de educación para a saúde.
 
Para rematar a súa intervención, o conselleiro sinalou que, en todas as etapas da vida, a prevención bucodental debe ser obxectivo transversal e prioritario, e, en todas elas, o labor do profesional hixienista é fundamental, sendo parte crucial dunha engranaxe multidisciplinar.
 
Así mesmo, felicitou e agradeceu toda a tarefa de información e concienciación que desenvolven os hixienistas entre a poboación, principalmente, entre os máis cativos, nenos e nenas de entre 5 e 8 años, un traballo por afianzar hábitos saudables dende idades temperás para convertelos en patróns de saúde ao longo das súas vidas, -concluiu-.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde