OS PROFESIONAIS DA UCI DE MONTECELO PARTICIPAN NUNHA XORNADA DE EQUIPOS SAUDABLES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 06 2022

​O hospital pontevedrés de Montecelo acolleu unha xornada para promover novas aprendizaxes, optimizar procesos de traballo e fomentar a comunicación no equipo humano das Unidades de Coidados Intensivos. Trátase dunha xornada aberta na que pode participar todos o persoal da UCI e que forma parte do "Programa de equipos saudables " do Sergas.  Este programa enmárcase no  “Plan de atención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde”, co que se intenta recoñecer o seu labor e promover o seu autocoidado emocional. 

Este programa contribúe a potenciar dentro destes mesmos equipos o liderado transformador e o liderado colaborativo. Asi mesmo búscase crear novas canles de comunicación e escoita activa na organización. 

A crise ocasionada pola covid fixo imprescindible adoptar medidas específicas para a atención e apoio do persoal da sanidade pública de Galicia, que desenvolveu o seu traballo en primeira liña. As actuacións do proxecto céntrase principalmente en dous aspectos: desenvolver materias gráficos sobre as habilidades de comunicación, liderado saudable, e resolución de conflitos, e realizar accións formativas en distintos ámbitos e formatos. Polo tanto, a xornada celebrada hoxe en Montecelo enmárcase dentro destas accións programadas. Mediante o traballo en equipo con todos os profesionais implicados na actividade sanitaria, o Sergas ten como obxectivo mellorar os procesos de traballo por medio de diálogos grupais, afondando no aprendido durante a pandemia e compartindo múltiples puntos de vista e experiencias. 

Medidas incluídas no “Plan de atención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde”

Ademais do investimento en formación, o Plan de atención psicosocial expón outras iniciativas que contribúen a minimizar o impacto da pandemia na saúde e promover o autocoidado e benestar emocional do persoal de sanidade. Unha das medidas que máis acollida tivo entre os profesionais e o público en xeral foi a apertura de distintas canles de comunicación para facer chegar aos profesionais o sentir da cidadanía, e nas que se recolleron máis de 18.000 mensaxes de agradecemento. Ademais, cada profesional recibiu unha carta de agradecemento polo seu traballo e compromiso dende a dirección do Servizo Galego de Saúde. 

Á hora de promover o autocoidado emocionaL, programáronse 12 conferencias ao longo do ano 2021, as cales contaron con máis de 37.000 visualizacións. En marzo deste ano tamén se puxeron en marcha catro cursos de autoformación nos que se ampliaban os contidos das conferencias do segundo semestre de 2021. Estas accións formativas, nas que están matriculadas máis de 18.200 persoas, organizadas pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), e lideradas pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Os cursos céntranse en reforzar capacidades como o liderado, a resiliencia e a xestión de estrés e conflitos en sanidade. Por último, cabe destacar dentro do Plan o programa de apoio e acompañamento psicolóxico, creándose en cada unha das sete áreas sanitarias un equipo con profesionais de psicoloxía clínica e de psiquiatría que levan máis de 300 intervencións co persoal.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde