​A XUNTA SACA Á LICITACIÓN AS TAREFAS LOXÍSTICAS DA VACINACIÓN COVID MEDIANTE UN ACORDO MARCO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 06 2022

O Consello da Xunta de Galicia, reunido esta mañá, vén de autorizar a contratación dos servizos de recepción, almacenaxe e distribución de vacinas con compoñente COVID e da recollida dos viais sobrantes, así como do material adicional para a súa administración. A contratación destas tarefas loxísticas vaise levar a cabo mediante un acordo marco cunha única empresa, logo de que durante os momentos máis álxidos das ondas da COVID houbo que sacar sucesivos expedientes de emerxencia para cubrir estes servizos, debido á urxencia propia da pandemia.

No momento actual, a evolución da pandemia é impredicible, polo que persiste a incerteza sobre a necesidade de novas doses de reforzo, tanto en colectivos especialmente vulnerables como na poboación xeral, polo que o acordo vai encamiñado a asegurar a distribución de doses sucesivas para o caso de que, dentro da Estratexia nacional de vacinación, se considere adecuada a súa administración.

Isto, unido á posible aparición de novas vacinas con compoñente COVID-19, que poden combinarse con outras como a da gripe e que poderían facilitar as estratexias de vacinación postas en marcha por Saúde Pública, fai que a Consellería de Sanidade considere imprescindible iniciar un proceso de contratación áxil e eficiente, como é o establecemento dun acordo marco de máximos, do que logo derivarán os contratos necesarios para dar cobertura aos distintos servizos que se precisen.

O importe total dos contratos baseados no acordo marco e a súa prórroga non poderán superar o valor máximo estimado, que neste caso é de 14.532.192 euros. Para calcular esta cantidade tívose en conta o establecemento dun contrato inicial de 12 meses e a posible prórroga por outros 12 meses, nas mesmas condicións que no contrato inicial. Así mesmo, o valor estimado baseouse nunha poboación diana de 2.608.342 persoas, cuxa vacinación cunha dose adicional supón 372.620 viais para distribuír, no escenario máis gravoso para a Administración. Isto é, que a estratexia de vacinación estableza que a campaña se desenvolva integramente no contorno de atención primaria (o que suporía, por exemplo un maior número de servizos de transporte que no caso dun gran espacio de vacinación) e que no período dun ano se administren dúas doses de reforzo para toda a poboación.

A licitación formúlase nun único lote, dividido en catro sublotes relativos á distribución dun número de viais (entre 1 e 10, entre 11 e 20, entre 21 e 50 ou máis de 50) a un punto de vacinación concreto. Estes tramos adoptáronse tendo en conta os puntos de vacinación das anteriores campañas e comprenden, desde as entregas en vivendas tuteladas, residencias sociosanitarias ou centros de saúde ata as dos hospitais ou centros de vacinación masiva. O prazo de execución do acordo marco será dun ano desde a súa formalización e poderá ser obxecto de prórroga. O prazo máximo de duración do acordo e a súa prórroga será de dous anos.

Ben é certo que neste momento se descoñecen as modificacións que poidan producirse na Estratexia nacional de vacinación, as diferentes estratexias de vacinación que se poidan poñer en marcha dentro das comunidades autónomas e a dispoñibilidade de doses, que son adquiridas e distribuídas desde o Ministerio de Sanidade ata as comunidades autónomas, polo que o investimento final podería ser substancialmente menor que o valor estimado inicialmente.

 





EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde