A XUNTA INCENTIVARÁ AOS PROFESIONAIS SANITARIOS QUE TEÑAN QUE FACER XORNADAS COMPLEMENTARIAS, ATENDER AOS PACIENTES DUN COMPAÑEIRO OU DAR SERVIZO NO RURAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 06 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá, no Parlamento de Galicia, que a Xunta ten preparado un conxunto de medidas con incentivos para aqueles profesionais sanitarios que teñan que facer xornadas complementarias, atender aos pacientes dun compañeiro ausente ou dar servizo a centros sanitarios no rural que necesitan atención de proximidade. Ao respecto deste tema, o titular da Consellería de Sanidade dixo que o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 contempla, nas súas liñas estratéxicas, un novo modelo de cobertura das ausencias cun compromiso de revisión das condicións de prestación económica da prolongación de xornada, co obxecto de incentivar as mesmas.

Segundo sinalou o conselleiro, “queremos ofrecerlles aos profesionais que teñen que traballar nun marco global complicado como o actual unhas mellores condicións, por isto imos propoñer hoxe mesmo, na Mesa Sectorial de Sanidade, comezar a negociar melloras como o incremento do prezo de intersubstitución que se abona a médicos de familia, pediatras de primaria, odontólogos, fisioterapeutas e persoal de enfermería”. Así, Sanidade ampliará a contía que se paga por cubrir o oco dun compañeiro, e engadirá a este sistema a algunha outra categoría que non o tiña, como a de matrona.
 
Outras das medidas anunciadas polo conselleiro é a acumulación do cupo da praza vacante. Ao respecto, cando por indispoñibilidade de persoal non sexa posible a cobertura dunha praza vacante cun nomeamento interino, poderanse distribuír as tarxetas asignadas a esa praza entre o persoal que acepte un incremento de cota, e farase cunha retribución que o compense.
 
Sanidade tamén incrementará o prezo das prolongacións de xornada que está a pedir a médicos, pediatras e persoal de enfermería de atención primaria. Esta prolongación voluntaria estará mellor retribuída e terá mellor fixados os seus obxectivos.
 
Xunto ás anteriores medidas, Sanidade proporá incrementar tamén as retribucións dos postos de difícil cobertura, e aumentará as contías que se aplican aos factores que retribúen a prestación de servizos en lugares illados e a soidade do profesional por inexistencia doutro. Nas prazas con estas condicións, Sanidade vai aplicar un incremento nas contías vixentes, facéndoas máis atractivas e, así mesmo, revisará á alza o número de centros aos que se lle aplican estes factores.
 
En consecuencia, -remarcou o conselleiro-, “non se trata dun problema de orzamento, nin siquera de prazas, e dende a Xunta están activadas todas as medidas posibles para dispoñer de persoal preciso pero, aínda así, hai dificultades, e hainas porque a outra parte implicada, o Goberno central, pouco está a facer para solucionalo”.
 
Reclamación ao Goberno Central
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria reclamou ao Goberno central cinco medidas fundamentais que debe tomar, no ámbito das súas competencias, para solucionar o déficit de profesionais sanitarios. En primeiro lugar, garantindo que o sistema de elección de prazas MIR non deixe prazas desertas como ocorreu este ano con 200 prazas en toda España, das que, afortunadamente, só nove afectaron a Galicia.
 
En segundo lugar, Comesaña reclamou o recoñecemento da especialidade de urxencias e emerxencias, pois na actualidade o persoal que se forma para exercer en urxencias ocupa prazas formativas de medicina familiar e comunitaria que, doutro xeito, serían reservadas para nutrir á atención primaria. Polo tanto, “debemos seguir insistindo que o Goberno de España proceda canto antes á creación con tramitación preferente desta nova especialidade, tal e como se fixo hai poucos meses coa especialidade de psiquiatría infantil e da adolescencia”.
 
O conselleiro tamén sinalou, como terceira das reclamacións ao Executivo central, a revisión normativa dos requisitos de acreditación de unidades docentes na especialidade de medicina de familia, xa que a rixidez do actual sistema non permitiu que se incluísen na convocatoria MIR vixente as 64 prazas de formación de primaria que Galicia conseguiu acreditar nos últimos meses. Unha reforma que está comprometida dende abril de 2018. Ao respecto dixo que “a Xunta cumprirá coa súa parte e terá aprobado o novo decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada, que consolidará o establecemento de medidas que se están a aplicar en Galicia”.
 
A cuarta das reclamacións de Galicia ao Executivo central é a convocatoria de prazas MIR extraordinarias na especialidade de medicina familiar e comunitaria.
 
Por último, en quinto lugar, García Comesaña sinalou a importancia de ter instrumentos que permitan que o Sistema Nacional de Saúde planifique no futuro con máis rigor a súa oferta formativa e, ao respecto, a Xunta continúa a demandar ao Ministerio de Sanidade a necesidade de que proceda a crear definitivamente o Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios, que está comprometido dende o ano 2018, para, deste modo, poder orientar as necesidades de formación de especialistas e contribuír a solucionar os déficits de profesionais de determinadas especialidades.
 
Tal e como remarcou o conselleiro, “só a toma destas medidas por parte do Ministerio de Sanidade permitirá que todo o esforzo formativo, organizativo, tecnolóxico e orzamentario que todas as comunidades autónomas e, neste caso Galicia, estamos a facer na atención primaria, sirva realmente para asegurar a súa viabilidade futura”.
 
Consello Interterritorial
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o máximo responsable da sanidade pública galega dixo que a Xunta seguirá a implantar medidas innovadoras, como as axendas de calidade, a reordenación do control do tratamento con anticoagulantes, os plans locais de saúde, a posta en marcha do XIDE para a xestión da demanda, ou a oferta de 106 prazas de facultativo especialista en atención primaria, entre outras iniciativas, “e continuará a contemplar todas as posibilidades para poder levar a cabo a reforma que precisa a atención primaria, pero a mesma está ligada a unha maior dispoñibilidade de profesionais sobre a que non todo está na nosa man”, -remarcou o conselleiro-.
 
Neste marco de políticas activas que promove a Xunta, no que se refire ao ámbito docente, na reunión da comisión mixta da USC aprobouse a creación dunha praza de doutor profesor de carácter permanente vinculada á atención primaria, que impartirá un médico de familia. É a primeira vez que se crea, -dixo o conselleiro-, e isto supón que haberá un profesor na Facultade de Medicina que dará clases de atención primaria, o que é un fito histórico e facilitará o achegamento dos estudantes a este ámbito sanitario para un coñecemento máis en profundidade da atención primaria.
 
Segundo dixo García Comesaña, no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de mañá, que se celebra en Valencia, na quenda de intervención de Galicia, a primeira petición da Xunta vai ser que o Goberno de España atenda estas necesidades, “xa que no noso sistema sanitario non hai outra cousa máis urxente nin máis prioritaria que tomar medidas xa para abordar a situación de déficit de especialistas que a atención primaria de todo o Estado está a afrontar e seguirá a afrontar nos vindeiros anos”.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss