A XUNTA DE GALICIA, NO MARCO DO PLAN DE ACTUACIÓNS FRONTE ÁS ALTAS TEMPERATURAS, SINALA OS NIVEIS DE AVISO POR EPISODIO DE CALOR PARA DIVERSAS ZONAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 06 2022
A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, declara a situación de aviso por episodio de calor de nivel 1 (duración curta) nas seguintes zonas:

Sur de Ourense (Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Celanova, Cualedro, Entrimo, Gomesende, Laza, Lobeira, Lobios, A Merca, Monterrei, Muíños, Oímbra, Paderne de Allariz, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Verín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía)

Montaña de Ourense (O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo)

Valdeorras (O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras)

A Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro, Xove)

Montaña de Lugo (Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela)

Masa de aire cálida

Galicia continúa afectada pola presenza dunha masa de aire cálida de orixe norteafricana e pola ausencia de vento que impide que as masas de aire marítimo poidan entrar na Comunidade. Isto fai que os efectos das altas temperaturas se estendan a puntos do norte, en particular da provincia de Lugo, nas xornadas de hoxe, xoves e mañá, venres.

Non será ata o sábado cando se note un descenso das temperaturas en toda a Comunidade. Unha baixa relativa, que estes días está entre Azores e a península Ibérica ocasionando as tormentas, moverase cara a Galicia achegando aire atlántico máis fresco e húmido e deixando valores nos termómetros máis habituais para esta época do ano.

Sistemática de intervención

O Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e polo Servizo Galego de Saúde, pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e polas Consellerías de Política Social e Xuventude; e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Este plan, que está operativo dende o día 1 de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás altas temperaturas, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar na maior medida posible danos á poboación.

Recomendacións

Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é convinte facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss