A XUNTA INVISTE 11,2 MILLÓNS DE EUROS EN LUVAS PARA OS CENTROS SANITARIOS DO SERGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 06 2022

O Consello da Xunta vén de autorizar hoxe a contratación de subministración sucesiva de luvas con destino aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde, por un período de dous anos, 2022 a 2024. Esta licitación ten un orzamento de 11.201.960 ​euros. 

Na última compra centralizada de luvas adxudicáronse, con data do 22 de xuño de 2021, unicamente 2 dos 10 lotes licitados debido á continua escalada de prezos destes produtos na pandemia da COVID-19. Por este motivo é necesario tramitar unha nova licitación para a subministración sucesiva de luvas con destino aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde, con todos os lotes declarados desertos na licitación anterior agás o lote correspondente ás luvas exame de vinilo non estéril. Isto é debido a que o consumo das luvas de exame de vinilo diminuíu e temos stock dispoñible adquirido durante a pandemia. 

Así coa contratación aprobada hoxe, vanse adquirir os lotes non adxudicados na licitación anterior. Trátase de sete lotes de luva para diferentes usos e materiais tales como as de látex para cirurxía e exame, cirúrxicas de policoropreno, e luvas de nitrilo para distintas utilidades. 

Trátase da cuarta contratación centralizada do Servizo Galego de Saúde deste tipo de material e forma parte da programación do Plan de compras do Servizo Galego de Saúde e permitirá seguir coa unificación do material de uso común e repetitivo. Ao mesmo tempo continúa, na medida do posible, co proceso iniciado de simplificación e homoxeneización naqueles casos en que os usos e destinos sexan os mesmos. 

O obxectivo destas contratacións centralizadas, ademais de garantir a continuidade da subministración destes produtos, é mellorar o seu prezo de adquisición e igualalo para todas as áreas sanitarias. Búscase, así mesmo, garantir a subministración destes produtos, tanto nos centros de atención primaria como de atención hospitalaria, tendo presentes os principios de igualdade no acceso, equidade, calidade, continuidade dos coidados entre niveis asistenciais e sustentabilidade económica das prestacións. 

A semana pasada, o Consello da Xunta aprobou, por primeira vez a licitación por este mesmo procedemento de compra centralizada de materiais de sutura por valor de 7,1 millóns de euros. Entre os expedientes licitados por primeira vez nestes últimos anos polo Servizo Galego de Saúde, mediante compra centralizada, está a subministración sucesiva de tubos  endotraqueais e cánulas de traqueotomía, adxudicado por un importe de 1.839.709,81 euros, con IVE, cun aforro do 18,66 % sobre a licitación; a subministración sucesiva de sistemas monitorización de glicosa, adxudicado por un importe de 834.291,08 euros, con IVE, cun aforro do 4,20 % sobre a licitación; e a subministración sucesiva de equipos de cobertura cirúrxica cun importe de adxudicación de 2.961.134,41 euros, con IVE, cun aforro sobre a licitación do 8,59 %. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde