A EXTRATEXIA DE ENFERMIDADES RARAS DO SERGAS, PREMIO Á PLANIFICACIÓN DA PLATAFORMA DE ORGANIZACIÓNS DE PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 06 2022

​ A Estratexia de enfermidades raras do Servizo Galego de Saúde ven de acadar o premio da Plataforma de organizacións de pacientes (POP) á mellor iniciativa de Planificación. Estes galardóns, que celebran a súa primeira edición, teñen como obxectivo recoñecer a aquelas iniciativas postas en marcha ao longo do últimos tres anos, que perseguen a inclusión dos pacientes como axentes activos nos distintos ámbitos e niveis dentro do Sistema Nacional de Saúde ( SNS). O premio foi recollido pola subdirectora xeral de Humanización e Atención á cidadanía, Josefina Monteagudo.

O xurado, composto polas 33 organizacións que compoñen a Plataforma, así como pola súa xunta directiva, valorou a Estratexia de enfermidades raras do Servizo Galego de Saúde,  como a mellor iniciativa que conta ou incorpora a participación dos pacientes nos procesos de definición, implantación e/ou avaliación de estratexias ou plans no ámbito das enfermidades crónicas.  Entre os galardoados noutras categorías (cinco en total) tamén están o Instituto de investigación Carlos III e a Axencia española do medicamento.

Na recolida do premio, Monteagudo lembrou que detrás desta Estratexia hai un traballo en equipo entre pacientes, familiares, profesionais clínicos e xestores sanitarios, e destacou outras iniciativas do Sergas como os consellos asesores dos pacientes, que existen nas sete áreas sanitarias.

O obxectivo central da Estratexia é establecer un novo modelo asistencial para estas enfermidades, optimizado e baseado en criterios homoxéneos para garantir un prazo de diagnóstico máis reducido, menor variabilidade no manexo do paciente e unha xestión máis áxil, coordinada e eficiente. Por todo isto, o Sergas deseñou a Estratexia galega de enfermidades raras cun horizonte temporal: 2021-2024.

O documento que amosa a Estratexia organízase en sete eixos: o desenvolvemento do Rexistro galego de Enfermidades raras; o reforzo da prevención primaria e secundaria; a normalización da asistencia sanitaria; a mellora no acceso a terapias farmacolóxicas e non farmacolóxicas; o impulso na coordinación sociosanitaria e a participación da cidadanía; o fomento da formación e divulgación entre profesionais, pacientes e cidadanía; e a promoción da investigación e da obtención de resultados en saúde. A atención a pacientes con enfermidades raras é unha prioridade da Xunta e do Sergas, amosando un gran impulso nos últimos anos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss