A XUNTA DESTACA O INCREMENTO EN 67 EFECTIVOS DOS SERVIZOS DE MEDICINA INTERNA GALEGOS DESDE 2009
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 06 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña, destacou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia, o incremento en 67 efectivos dos servizos de Medicina interna galegos desde o ano 2009.
 
Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, o máximo responsable da Sanidade galega achegou os datos desta especialidade médica, incidindo en que na actualidade os hospitais do Servizo Galego de Saúde contan cunha media diaria de 315 internistas, dos que 270 son profesionais estables.
 
Esta cifra, é froito do incremento en 17 prazas que recolleron os orzamentos da Xunta para o ano 2022, nesta especialidade.
 
Así mesmo, García Comesaña destacou que, segundo os datos Ministerio de Sanidade, Galicia é na actualidade a segunda comunidade autónoma con maior número de internistas por cada 100.000 habitantes, contando cunha ratio de 14’5 profesionais, fronte os 11’8 que rexistra a media nacional.
 
O conselleiro reiterou que a Xunta segue a traballar na mellora dun servizo cuxo papel na infraestrutura sanitaria cualificou como “fundamental”, de acordo ao seu papel transversal na atención dos pacientes.
 
O titula de Sanidade lembrou que nos últimos catro anos, o Executivo galego ofertou o 100% das prazas acreditadas para a formación de profesionais de Medicina Interna. Con todo, apuntou que esta medida non resultou suficiente para poder cubrir de xeito estable aquelas prazas de difícil cobertura, como son as dos hospitais comarcais.
 
Porén, abundou García Comesaña, o Goberno galego adoptou un conxunto de medidas, en consenso coas xerencias e os xefes de servizos das sete área sanitarias galegas, para avanzar na mellora desta especialidade. Entre outras, acordou a cobertura de todas as vacantes da especialidade de medicina interna e o atraso da resolución das OPE e do concurso de traslados; o chamamento centralizado de profesionais; fixouse un contrato de reforzo para novos profesionais de seis meses co compromiso de pasar un mes máximo nun hospital comarcal se fose preciso; e garantiuse unha valoración do triple de puntuación asignada por mes traballado para aqueles profesionais que desempeñen o seu labor nos hospitais comarcais.
 
No peche da súa intervención, García Comesaña remarcou o compromiso da Xunta na procura de todos os incentivos e fórmulas posibles para acadar a cobertura de todas aquelas prazas e especialidades que contan cunha maior dificultade.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde