​O 061 DE GALICIA ACONSELLA EXTREMAR AS PRECAUCIÓNS NOS DESPRAZAMENTOS POR ESTRADA NO INICIO DA OPERACIÓN SAÍDA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 07 2022

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, reitera, un ano máis, o seu chamamento á precaución nos desprazamentos polas estradas ante o comezo hoxe, 1 de xullo, da Operación Saída, na que se estima un aumento da afluencia de vehículos por coincidir o comezo do mes de xullo co inicio da fin de semana.

Así, cómpre salientar a importancia de extremar as precaucións nos desprazamentos por estradas, xa que os accidentes de tráfico non só provocan falecementos, senón que en moitos casos provocan múltiples lesións que supoñen graves secuelas nas persoas que as sofren. Por iso, desde o servizo público galego de atención ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias aconséllase ter en conta as seguintes medidas, no caso de que vostede vaia a utilizar un vehículo para desprazarse nestas datas nas que o volume de tráfico é maior.

Normas de prevención

Evite as comidas copiosas e non consuma alcohol, se vostede vai conducir, e lembre que os efectos das bebidas alcohólicas non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que no caso de ter un sinistro dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados.

Respecte as normas de tráfico en todo momento e teña en conta que a velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente. A maior velocidade aumentan as probabilidades de sufrir ou provocar un sinistro, e a gravidade das lesións producidas neste.

Os peóns deben facerse ver, se circulan ou cruzan por estradas, co uso obrigatorio de prendas reflectantes que lles fagan visibles. No caso de accidentes de tráfico, o uso dun chaleco reflector de alta visibilidade é obrigatorio cando se salga do vehículo e se ocupe a calzada ou a beiravía das vías interurbanas.

Por último, lembre a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.

Cómpre subliñar que o 061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano. As súas chamadas serán atendidas por profesionais sanitarios que valorarán a situación e no caso de necesitalo, mobilizarán os recursos que se desprazarán ata o punto, mentres vostede recibe as indicacións sobre como actuar ata que chegue o recurso máis axeitado. Lembre que moitas vidas se poden salvar e moitas lesións se poden atenuar se son tratadas do modo axeitado.

Operación Saída Verán 2021

Durante a Operación Saída de Verán 2021 -desde as 15,00 horas do venres, 2 de xullo, ata as 23,59 horas do domingo, 4 de xullo-, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu 61 persoas nas estradas galegas debido a 49 accidentes de tráfico. A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 59 chamadas.

A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 80% e do 20% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 37% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 23 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.


Provincia

Accidentes

A Coruña

23

Lugo

5

Ourense

6

Pontevedra

15

Galicia

49

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 60. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en catro accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 46 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en nove accidentes.

En 54 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.





EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde