A XUNTA DE GALICIA SACA A CONCURSO POR MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS AS OBRAS PARA IMPLANTAR UN PET-TC NO HULA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 07 2022

 
A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de sacar a concurso público a execución das obras necesarias para crear no HULA a nova área na que se instalará o PET-TC que o goberno galego adquirirá para o Hospital Universitario Lucus Augusti. O equipo PET-TC co que será dotado o HULA estará ubicado na Unidade de Medicina Nuclear e a súa instalación require a realización previa de importantes e complexas obras para crear os espazos adaptados a esta nova tecnoloxía. O Sergas investirá máis dun millón de euros na execución destas obras, aos que hai que engadir o custe do PET-TC, co que o investimento final superará os 2,5 millóns de euros.
 
O goberno galego autorizou o pasado 2 de xullo a adquisición de tres equipos PET-TC para os hospitais de Ourense, Lugo e Meixoeiro de Vigo, por un importe de 5,5 millóns de euros. O PET-TC co que será dotado o HULA é un equipo de última xeración, provisto dos últimos avances no diagnóstico e seguimento do cancro e doutras enfermidades, que permitirá detectar tumores antes de que sexan apreciados por outras técnicas diagnósticas.
 
Esta tecnoloxía de última xeración cubrirá as necesidades asistenciais dos pacientes de toda a provincia de Lugo, sen necesidade de que teñan que desprazarse a outros centros hospitalarios de fóra da provincia. Ao redor de 1.500 lucenses precisan cada ano someterse a unha proba PET-TC, polo que unha vez instalado no HULA evitarase a estes pacientes ter que desprazarse fóra da provincia.
 
A incorporación deste PET-TC de última xeración ao HULA permitirá atender na provincia coa tecnoloxía máis avanzada a todos os pacientes que a precisen, ao incorporar á carteira de servizos do HULA unha nova técnica diagnóstica de medicina nuclear, cun equipo de gran precisión e resolución no diagnóstico de procesos oncolóxicos, campo de actuación principal da tecnoloxía PET-TC, pero tamén no eido da neuroloxía-demencias ou da cardioloxía. Así pois, este equipo, está dirixido, principalmente ao diagnóstico por imaxe das enfermidades oncolóxicas e das patoloxías neurodexenerativas.
 
Permite detectar tumores en estadíos moi precoces
O equipo co que será dotada a Unidade de Medicina Nuclear do HULA  é un PET-TC de última xeración, un sistema integrado que combina a tecnoloxía PET cun tomógrafo computerizado (CT).
 
A tecnoloxía PET (Tomografía por Emisión de Positróns) é actualmente un dos sistemas de diagnóstico máis avanzados que existen, pola súa capacidade para visualizar o funcionamento e metabolismo dos tecidos, ata o punto de poder observar o comportamento anómalo das células antes de que estas conformen un tumor observable polos sistemas diagnósticos convencionais. Deste xeito, a tecnoloxía PET permite detectar as patoloxías cando aínda non presentan un signo físico, o que supón unha mellora moi importante na detección precoz e prevención do cancro e doutras enfermidades e, polo tanto, das expectativas de vida do paciente.
 
Ademais, o PET-TC que se instalará no HULA incorpora no mesmo equipo a tecnoloxía PET, que ofrece información metabólica e funcional dos tecidos, e as prestacións dun TC (Tomografía Computerizada), que facilita imaxes anatómicas de alta resolución, fusionando as vantaxes diagnósticas de ambas técnicas.
 
Deste xeito, o equipo co que contará o HULA ofrecerá amplas posibilidades diagnósticas nos ámbitos da oncoloxía, a neuroloxía e as enfermidades cardíacas. No eido do cancro, preséntase como un instrumento moi eficaz na detección e localización de tumores, incluso antes de que cheguen a ser visibles anatomicamente con outras técnicas de imaxe. Tamén permite coñecer o estado, características e grao das formacións tumorais, así como predicir a resposta a tratamentos con quimioterapia.
 
Na ampla relación de tumores que se poden detectar e estudar mediante PET-TC figuran os de pulmón, cabeza, fígado, osos, mama, esófago, páncreas, colorrectal, ovario, cancros linfáticos, entre outros.
 
En neuroloxía, a Tomografía por Emisións de Positóns posibilita o estudo de trastornos neurolóxicos e a detección e estudo de enfermidades neurodexenerativas, como o alzheimer, o párkinson e a epilepsia.
 
No ámbito da cardioloxía, este equipo permite analizar a viabilidade miocárdica e estudar a enfermidade isquémica.
 
Evitará desprazamentos fóra da provincia
En definitiva, a incorporación desta avanzada tecnoloxía permitirá ampliar a carteira de servizos do HULA, cunha técnica diagnóstica de última xeración que cubrirá a demanda asistencial dos habitantes da área sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos, evitándolles desprazamentos a outras provincias.
 
A adquisición do PET-TC para o HULA deriva do acordo marco, respectuoso co medio ambiente do Ministerio de Sanidade, financiado pola Unión Europea a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia-Next Generation EU e forma parte do plan de investimento en equipos de alta tecnoloxía do Sistema Nacional de Saúde.
 
Esta iniciativa enmárcase no Plan INVEAT, cuxo obxectivo principal é incrementar a supervivencia global e a calidade de vida das persoas, mediante o diagnóstico de enfermidades en estadios temperáns e posibilitando unha intervención terapéutica rápida, con especial atención ás patoloxías de maior impacto sanitario, presente e futuro do Sistema Nacional de Saúde, como as enfermidades crónicas, as oncolóxicas, as raras e as neurolóxicas. Todo elo, consolidando a equidade no acceso á alta tecnoloxía de todos os usuarios e mellorando a calidade asistencial e a seguridade de pacientes e profesionais.
 
Os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2022 están a supoñer un investimento de máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e equipamento sanitario para os centros da rede sanitaria pública galega, continuando o investimento de máis de 60 millóns de euros dos orzamentos de 2021, que permitiron adquirir sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para as sete áreas sanitarias galegas e de 37 equipos radiocirúrxicos, así como ecógrafos... entre outro equipamento.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde