OS CIDADÁNS PUNTÚAN CUN NOTABLE OS PLANS DE SAÚDE LOCAL DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 07 2022

Todos os centros de atención primaria con plans de saúde locais superan o notable. Así se desprende dos datos dunha enquisa realizada a unha mostra representativa dos usuarios dos centros de saúde que teñen plans de saúde local en funcionamento. A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, informou esta tarde aos xefes de servizo e coordinadores de atención primaria dos centros de saúde que teñen plans de saúde locais, un total de 14.

Á reunión, que se celebrou no edificio administrativo de San Lázaro, e que tivo carácter telemático, tamén asistiron os directores médicos e de enfermería das sete áreas sanitarias do Sergas.

Resultados da enquisa

No apartado de satisfación global, todos os centros que teñen plans de saúde superan o 3,5 sobre 5. Os centros con mellores puntuacións dos seus plans de saúde locais por parte dos usuarios foron o de Castro Caldelas, 4,80; A Estrada, 4,35; e Teo, 4,23 (sobre 5).

Os apartados con maior satisfación recollidos na enquisa son os relativos ao trato, tempo de dedicación, intimidade e información, todos por riba de 4 sobre 5.

Sinalar, así mesmo, que respecto a esta primeira avaliación semetral, destaca o centro de saúde da Estrada, o de Virxe Peregrina en Pontevedra e o de Xinzo de Limia, como os máis avanzados no desenvolvemento do seu plan local de saúde.

En xeral, sobresae na enquisa a baixa taxa de absentismo en pediatría, o número de profesionais médicos e de enfermería docentes no centro, así como o número de reunións de equipo de todos os profesionais, xunto coa a alta capacidade do CRM100 que permite xestionar as chamadas perdidas nos centros de saúde e devolvelas ao longo do día.

Tamén destaca a boa atención na área de administración, e a axeitada autoxestión das axendas de calidade dos profesionais, que se traduce en maior accesibilidade, ademais do amplo catálogo de probas diagnósticas.

No que se refire aos resultados en saúde, os pacientes ingresan menos e van menos a urxencias, xa que a continuidade asistencial é maior. Así mesmo, o nivel de queixas e reclamacións é moi baixo. Respecto da actividade comunitaria, obsérvase un incremento das relacións intersectoriais con concellos, asociacións de pacientes, etc.

Atención centrada nas persoas

A Consellería de Sanidade segue a avanzar na implantación destes Plans de Saúde, ferramenta de planificación estratéxica a nivel local que permite fixar obxectivos e accións de mellora específicos para cada centro de saúde, segundo as necesidades da súa poboación, centrando a atención nas persoas.

Os plans contan cun deseño realizado de xeito multidisciplinar polos propios profesionais dos centros, máximos coñecedores das características da súa poboación. Eles son os que definen as accións a desenvolver para lograr os obxectivos estratéxicos marcados desde a consellería.

Con esta medida, Sanidade pretende adaptar a actividade dos centros á súa realidade, incidindo na prevención e na actividade comunitaria. É importante o traballo de prevención, cuestión que ademais repercutirá nunha mellor xestión da demanda. Ademais, os plans inclúen o deseño de programas específicos de saúde e control de patoloxías específico en cada centro, segundo a prevalencia das mesmas.

Este ano o Executivo galego, xa ten en marcha 14 plans de saúde locais, e o obxectivo é contar, cando finalice o ano, cun total de 42.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde