GALICIA SELECCIONADA PARA PARTICIPAR NA ACCIÓN CONXUNTA EUROPEA DE TRANSFERENCIA DE BOAS PRÁCTICAS EN ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 07 2022

O Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), formarán parte do proxecto europeo Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care (CIRCE), destinado á transferencia e implantación de boas prácticas na atención primaria, e que conta cun orzamento de máis de 12 millóns de euros.

O proxecto o conforman servizos de saúde, organizacións e entidades afiliadas de 14 estados membros. A súa finalidade é transferir e implantar boas prácticas levadas a cabo na atención primaria de catro estados membros (Bélxica, España, Portugal e Eslovenia) entre os 12 países participantes restantes.

As boas prácticas obxecto de transferencia foron seleccionadas pola Comisión Europea na convocatoria lanzada en decembro de 2020, na que buscaba recopilar accións levadas a cabo nos servizos de atención primaria. En concreto as seis boas prácticas seleccionadas foron:

1. Integrated Health Association – Valonia, Bélxica.

2. TELEA: Home telemonitoring in Primary Care for chronic disease and Covid-19 – Galicia, España.

3. Integrated care for complex chronic patients in Andalusia (Spain): Personalised care action plans (PAPs) – Andalucía, España.

4. Essencial Project: Adding value to clinical primary care practice – Cataluña, España.

5. ‘Health Action for Children and Youth at Risk’ & ‘Health Action for Gender, Violence and Lifecycle’ – Portugal.

6. Health Promotion Centres (HPCs) – Eslovenia.

Ferramenta esencial durante a pandemia

A plataforma de teleasistencia domiciliaria do Sergas para o seguimento e contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios (TELEA), resultou unha das practicas seleccionadas pola institución europea. Esta plataforma facilita a relación entre os pacientes e os profesionais do Sergas, permitindo o seguimento do seu estado de saúde dun xeito áxil, eficaz e sen necesidade de desprazamentos. Dende a súa implantación no ano 2015, leva rexistrados máis de 977.000 datos de pacientes. Ademais, constituíu unha ferramenta esencial durante a xestión da pandemia. A Comisión Europea valorou positivamente os resultados probados da plataforma, o seu impacto no sistema sanitario galego, e a capacidade de adaptación a outros países.

Esta iniciativa europea terá unha duración de tres anos, nos que se levarán a cabo diversas actividades destinadas a fomentar o intercambio de coñecementos, tales como workshops, visitas e desprazamentos de persoal, cursos, programas de formación, etc. Ademáis, desenvolveranse actividades piloto que replicarán as boas prácticas para monitorizar a súa posible implantación nos sistemas sanitarios dos socios interesados.

Obxectivos

Entre os obxectivos do proxecto CIRCE destacan, transferir e implantar as boas prácticas seleccionadas entre os estados membros participantes; apoiar o proceso de transferencia a centros piloto; mellorar a capacidade para implantar modelos e prácticas asistenciais na atención primaria; e, ademais, crear unha comunidade de socios que inclúa expertos en asistencia sanitaria, lexisladores, investigadores e usuarios. Así mesmo, outros obxectivos do proxecto son facilitar o desenvolvemento de plans de acción a nivel local, rexional e nacional para implantar de forma sostible as boas prácticas; e avaliar a transferencia e proceso de implantación das boas prácticas.

En definitiva, CIRCE constitúe unha ferramenta de traballo transnacional e colaborativo que permitirá transferir boas prácticas levadas a cabo por países europeos no eido da atención primaria a os estados participantes, aproveitando a diversidade e os intereses comúns para fortalecer e mellorar a calidade e o funcionamento dos sistemas sanitarios europeos. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde