A XUNTA LICITARÁ ESTE ANO OS PROXECTOS DOS NOVOS CENTROS DE SAÚDE DE BOBORÁS E MUÍÑOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 07 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe, no Parlamento de Galicia, que a Xunta licitará este ano os proxectos dos novos centros de saúde de Boborás e Muíños, logo de que o departamento sanitario galego aprobara, a finais do pasado ano, o Plan de Infraestruturas Sanitarias, e logo de que o titular da carteira sanitaria lle remitira cartas a todos os rexidores municipais que tiñan novos centros contemplados nas fases 1 e 2 deste documento.

Na intervención no Parlamento, o conselleiro destacou “a vontade de colaboración da práctica totalidade de gobernos locais afectados na provincia de Ourense, que de seguido se puxeron en marcha para buscar parcelas e poder executar a planificación establecida no Plan”.

Comesaña remarcou “a axilidade dos concellos de Boborás e Muiños, que fixeron moi rápido propostas concretas de parcelas”, recibindo a preceptiva visita dos técnicos do Sergas para validalas e iniciar os trámites dos convenios. Deste xeito, Boborás xa remitiu á Consellería de Sanidade a escritura que acredita que xa se fixo co terreo, e Muíños xa mandou o iniciou do expediente da cesión. En vista desta celeridade, a Xunta iniciou xa o proceso de contratación e aprobou as encomendas de xestión á Axencia Galega de Infraestuturas “para que licite este ano os proxectos arquitectónicos”.

O titular da carteira sanitaria dixo, tamén, que a execución do centro de saúde da Rúa está xa encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas, que licitou en marzo o proxecto, e ten xa unha proposta de empresa adxudicataria, co cal “é cuestión de días que ese contrato se formalice e se comece a traballar no proxecto do novo edificio”.

Respecto do CIS de Ourense, a Xunta ten xa solicitada a licenza de obra ao concello para que, mentres a tramita, a adxudicataria poida rematar o proxecto de demolición do actual edificio e o de execución do futuro. Unha vez rematen eses procesos, “poderemos licitar a obra”, -dixo Comesaña-.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro foi detallando a situación dos novos centros proxectados, sinalando que “todos os concellos achegaron ao Sergas proposta de parcelas, agás o de Allariz”, nove meses despois de recibir a solicitude do departamento sanitario galego.

Para rematar a súa intervención, Comesaña remarcou que “a Xunta está a dar resposta a todos os concellos que amosan interese por recibir investimentos en materia de sanidade pública” e que, ademais, “estamos a compatibilizar o investimento nos centros de atención primaria con ter agora mesmo obras en marcha nos tres hospitais da área, o novo edificio de hospitalización no Hospital Universitario de Ourense; as reformas de farmacia, cirurxía maior e hospital de día en Valdeorras; e o novo edificio de urxencias en Verín”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde