A
Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a
Orde dos Cabaleiros de Malta colaborarán a partir de hoxe para a
prestación de asistencia sanitaria aos peregrinos que se acheguen á
Catedral de Santiago de Compostela e, pola tarde, ata a Oficina de
Atención ao Peregrino. A colaboración realízase en prol dun acordo
que permitirá que este dispositivo sanitario se manteña operativo
ao longo de catro semanas, desde hoxe, 18 de xullo, ata o próximo 14
de agosto, período no que se estima que o incremento de turistas e
peregrinos sexa maior.
Como
vén facendo durante os últimos anos anteriores á pandemia por
Covid-19, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061
dispón do material
humano e funxible necesario para a atención sanitaria daquelas
persoas que se atopen na Catedral de Santiago ou no seu contorno.
Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado de
Enfermería permanecerá entre as 11:45 e as 13:30 horas na praza da
Quintana e entre as 17:00 e as 19:00 horas na Oficina
de Atención ao Peregrino, situada na rúa Carretas.
Verán
2019
Durante
os meses de verán do ano 2019, último en contar co dispositivo
sanitario de Urxencias
Sanitarias de Galicia-061 para a asistencia sanitaria a peregrinos e
visitantes na Oficina de Atención ao Peregrino, foron atendidas 317
persoas, o que supuxo unha media de catro asistencias cada día.
Respecto
á distribución por sexos dos atendidos, o 56% dos pacientes foron
mulleres e o 43% homes. A distribución por idades amosa que o 33%
dos doentes tiñan entre 21 e 50 anos. Atendendo á procedencia dos
peregrinos e visitantes, preto do 60% do total tiña nacionalidade
española, o 32% provían de países da Unión Europea (UE) e o resto
de fóra da UE ou incluso doutros continentes.
Os
pacientes presentaban
principalmente feridas ou lesións, sobrecargas musculares e fatiga.
Cómpre salientar que o
97% dos doentes foron dados de alta no punto sen que fora necesaria a
derivación a outro nivel asistencial.
A
Orden de San Juan de Jerusalén é unha orde relixiosa laica,
tradicionalmente militar, cabaleiresca e nobiliaria. Constitúe unha
das máis antigas institucións da civilización occidental e cristiá
e os seus voluntarios están organizados en estruturas sociais,
asistenciais, sanitarias e sociais dedicadas a dar servizo aos pobres
e necesitados. Actualmente, esta orde está presente en máis de 120
países.
Urxencias
Sanitarias de Galicia-061 presta atención sanitaria ás urxencias e
emerxencias sanitarias no ámbito extrahopitalario na Comunidade
galega desde o ano 1995 e actualmente está considerado como o
servizo público sanitario mellor valorado pola cidadanía, obtendo
os máis altos índices de valoración pola súa poboación usuaria.