O SERGAS ACHEGA UN TOTAL DE 75.000 EUROS PARA O DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA DE ATENCIÓN INTEGRAL AO MÉDICO ENFERMO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 07 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente do Consello Oficial de Colexios Médicos de Galicia, Isidro José Lago Barreiro, veñen de asinar, esta semana, un convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a entidade colexial, para o desenvolvemento do Programa de Atención Integral ao Médico Enfermo (PAIME). En base a este convenio, o departamento sanitario galego comprométese a achegar un total de 75.000 euros, o que supón un incremento de máis do 70% respecto do asinado o ano anterior.

Para este ano, cobra especial importancia o desenvolvemento deste programa, debido ao gran incremento nos problemas de trastorno mental no persoal facultativo, que vén de recibir un gran impacto psicolóxico pola situación de emerxencia sanitaria provocada pola covid.

En consecuencia, as partes asinantes consideran, atendendo ás características propias do exercicio da profesión médica, que os facultativos enfermos requiren unha atención médica específica e especializada, xa que iso permitirá a detención precoz dos casos e a instauración dos tratamentos necesarios, co fin de garantir o axeitado exercicio profesional.

Deste xeito, tanto a Consellería de Sanidade, como o Sergas, seguen a apostar polo coidado aos seus profesionais como parte fundamental do sistema.

Ao respecto, xa no Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha polo Goberno galego, contémplase a necesidade de prestar unha atención especial ás posibles consecuencias do benestar emocional dos profesionais sanitarios e establecer programas que preveñan a aparición de problemas de saúde mental.

No acto de sinatura estivo presente, así mesmo, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde