A XUNTA VÉN DE LICITAR AS OBRAS DE MELLORA NO PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA DO MUNICIPIO DE CULLEREDO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 07 2022

A Consellería de Sanidade vén de licitar a contratación da obra de reforma do PAC do Centro de Saúde de Acea da Ama, no municipio de Culleredo, por un importe de 180.687 euros.

Os traballos de mellora e ampliación deste Punto de Atención Continuada no municipio de Culleredo, e que xa estaba prevista no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria,  fanse necesarios para atender a crecente demanda da asistencia sanitaria por parte dos cidadáns deste municipio.

Entre as melloras que se realizarán están o aumento do número de consultas, así como o número de salas de reunións, ademais da reorganización do acceso ás consultas de atención urxentes cun acceso diferenciado das ordinarias.

En total, no Concello de Culleredo aténdese a máis de 30.000 habitantes, dos que, ao redor de 4.150 están en idade pediátrica.

Infraestruturas de Atención Primaria na Área Sanitaria da Coruña e Cee

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na Área Sanitaria da Coruña e Cee, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo (Portádego).

No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Malpica de Bergantiños, Coristanco, Cee e Monfero, mentres se atopan en fase de remate as obras conveniadas en 2021 no centro de saúde de Bergondo.

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da área sanitaria da Coruña e Cee, contempla a construción de catro novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo (cuxo proxecto de obra xa está adxudicado), Santa Lucía na cidade da Coruña (cuxo convenio xa está asinado co Concello), Fisterra e Malpica de Bergantiños (asinado protocolo).

Ademais, o Plan contempla obras para reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros tres centros como o de Carballo (que se converterá en Centro Integral de Saúde), o de Culleredo (Acea da Ma) e o de Vimianzo.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde