GALICIA OFERTA, CUN TOTAL DE 620 PRAZAS, O MAIOR NÚMERO DO SEU REXISTRO HISTÓRICO PARA FORMACIÓN SANITARIA ESPECIALIZADA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 07 2022

A oferta de prazas de formación sanitaria especializada para as titulacións universitarias de grao/licenciatura/diplomatura  de Medicina, Farmacia, Enfermería e ámbito da Psicoloxía Química, Bioloxía e Física, será en Galicia de 620, a de maior número nas convocatorias feitas ata o momento. Así se desprende da reunión da Comisión Técnica Delegada de  Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, celebrada hoxe, e á que asistiron a directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana Comesaña Álvarez, e o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa.

A oferta de Galicia supón un incremento total de 77 prazas sobre a da anterior convocatoria. 

Cómpre remarcar que son as comunidades autónomas as que financian, integra e directamente, os gastos de formación destes especialistas. Así, no 2023, o total de orzamento que a Xunta destinará a este apartado situarase preto dos 65 millóns de euros.

Nesta oferta de Galicia cómpre destacar:

O incremento de prazas centrado nas especialidades relacionadas co ámbito da Atención Primaria. A oferta galega deste ano acadará as 257 prazas, un incremento de 71, un 38,2% máis, para formación de especialistas en Medicina e Enfermería, Familiar e Comunitaria. Cabe destacar que do total de incremento de prazas na especialidade de medicina de familia no conxunto do SNS, 65 delas corresponderán ao incremento de prazas de Galicia.

- O incremento de prazas nas especialidade de Psiquiatría, acadando unha oferta final de 16 prazas, o que supón un aumento sobre a oferta 2021/2022 do 33% (catro prazas máis), e convocando o 94% das prazas acreditadas desta especialidade.

- O incremento de prazas nas especialidade de Psicoloxía Clínica, acadando unha oferta final de 13 prazas, o que supón un aumento sobre a oferta 2021/2022 do 53% (cinco prazas máis).

- A convocatoria dunha praza na nova especialidade de Psiquiatría Infantil e da adolescencia. Unha especialidade de nova creación, e que permitirá a Galicia acreditar unha praza na Unidade Docente Multidisciplinar de Santiago, e que será proposta por Galicia nesta oferta.

Galicia será este ano, con diferencia, a Comunidade que levará a cabo un maior esforzo nesta oferta de formación de especialistas. A oferta de Galicia se incrementará nun 14,2% respecto á publicada o ano pasado, mentras que a oferta total do Sistema Nacional de Saúde se incrementa nun 5%.

Por otra banda, Galicia é tamén a Comunidade co maior incremento de prazas acreditadas neste ano, un 12% de aumento, fronte a unha media do total do Sistema Nacional de Saúde do 3%.

Propostas galegas

Na reunión celebrada hoxe, Galicia propuxo que se estableza o proceso para dar inicio aos trámites para a creación do novo título de especialista de urxencias e se constitúa un grupo dentro da comisión para levar a cabo dita tarefa.

Así mesmo, dende Galicia solicitouse que, na redacción da Orde pola que se regula a convocatoria á oferta de prazas para a convocatoria de probas selectivas 2022 do acceso no ano 2023 a prazas de formación sanitaria especializada, se recollera un procedemento claro que evite que poidan quedar prazas sen ocupar cando queden aspirantes sen elixir, e, tamén, que se establecera un procedemento que permita ampliar a oferta de prazas durante todo o prazo de convocatoria deste proceso.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde