A XUNTA DE GALICIA FINANCIA CON PRETO DE 1 MILLÓN DE EUROS PROXECTOS DE ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO SOBRE o VIH/SIDA E OUTRAS INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 07 2022

​A Xunta de Galicia destinará un total de 901.200 euros para que as entidades galegas sen ánimo de lucro desenvolvan nos vindeiros 4 anos proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS). O Consello da Xunta aprobou na súa sesión de hoxe a orde de subvencións para a protección e promoción da saúde e a prevención de enfermidades nas persoas especialmente vulnerables á infección polo VIH, a sida e outras enfermidades de transmisión sexual.

O financiamento destes proxectos achega aos servizos sanitarios e sociais públicos ás persoas con prácticas de risco para a transmisión do VIH e doutras ITS con dificultades de acceso a estes servizos, o que contribúe ao diagnóstico e tratamento precoces e redunda nunha maior calidade e esperanza de vida dos afectados. O acordo tamén reduce custos sanitarios do tratamento e seguimento médico e contribúe a un mellor control do espallamento destas infeccións na sociedade galega. A iniciativa aprobada hoxe pola Xunta, en definitiva, mellora a saúde e o benestar de todas as persoas que sofren estas enfermidades e da sociedade galega en xeral. 


Fomento do uso do preservativo e incremento de probas do VIH

En virtude da orde de subvencións aprobada hoxe no Consello da Xunta, as distintas entidades sen ánimo de lucro galegas deberán comprometerse, entre outras iniciativas, a traballar en actividades como o fomento do uso do preservativo nos colectivos vulnerables ás ITS, a promoción da realización de probas do VIH ás persoas con prácticas de risco, a execución de campañas de concienciación respectuosas e inclusivas de todas as ITS ou o desenvolvemento de programas de prevención para cidadáns da contorna da prostitución e tamén para aqueles que conviven con persoas co VIH ou en casas de acollida.

A convocatoria de axudas, que se enmarca dentro das actuacións do Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual, amosa o incremento de esforzo económico da Xunta de Galicia na protección e promoción da saúde e na prevención de enfermidades en colectivos especialmente vulnerables á infección polo VIH, pola sida e por outras ITS. Estas subvencións achegaron, desde o ano 2009, nas súas sucesivas convocatorias, máis de 2,6 millóns de euros a 30 entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia. Coa aprobada hoxe, a cantidade increméntase ata superar os 3,5 millóns de euros.

Promóvese tamén a transparencia na valoración dos proxectos e o respecto dos dereitos das persoas afectadas polo VIH, foméntase a inclusión da perspectiva de xénero e promóvense actividades das ONG que desenvolven proxectos sociosanitarios en Galicia. Así mesmo, foméntase a contratación de persoal e a estabilidade económica e laboral dos proxectos subvencionados e das entidades que os executan. 

A situación do VIH en Galicia, segundo os datos do último informe de 2020, reflicte que no período 2004-2020, a incidencia de infección polo VIH é de 6,5 casos por 100.000 habitantes, o que sitúa Galicia por baixo da incidencia anual española, que é de 10 infeccións. Nos últimos 8 anos apréciase unha tendencia á dimunición da incidencia da VIH en Galicia, que pasou de 225 casos en 2012 a 105 en 2020 e se situou sempre por baixo dos sete casos ao ano por 100.000 habitantes (3,9 casos/ano en 2020).

En 2020 había 5.725 persoas a tratamento antirretroviral en Galicia, polo que é imprescindible continuar con medidas de concienciación, prevención e diagnóstico precoz. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde