A XUNTA COLABORA CO CONCELLO DE ZAS PARA RENOVAR AS SÚAS INFRAESTRUTURAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 07 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, asinaron hoxe dous convenios de colaboración nos que se establecen as bases para o cofinanciamento de varias obras de mellora nas infraestruturas sanitarias deste concello.

No acto estiveron acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro Bello; o delegado Territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e polo xerente da Área Sanitaria de A Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro.

Polo que se refire ao centro de saúde de Zas, e cun importe de case 49.000 euros, as obras a realizar consistirán na renovación integral da cuberta así como a mellora da fachada, actuacións necesarias para o acondicionamento e mellora destas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo. 

No consultorio de Baio vanse realizar obras de reforma e ampliación que ascenderán a  131.723 euros e, tal e como se recolle no informe achegado polo concello, trala reforma e ampliación o consultorio contará cunha superficie útil de 204 m2, o que supón aumentar a superficie actual en case 96 m2, permitindo contar con zona de acceso común, zona de admisión, aseos públicos, dúas zonas de sala de espera independentes para medicina xeral e outra para pediatría, unha zona privada de office-almacén e vestiario, e cinco consultas para medicina xeral, enfermería xeral, urxencias, pediatría e enfermería pediátrica.  

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Zas contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.

Ademais, lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde de  Zas nos últimos anos, pois, froito do investimento de oito millóns de euros en equipamento derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un espirómetro, por un importe de 1.815 euros. 

Colaboración da Xunta cos centros de saúde de titularidade municipal

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles, hai que engadir as cinco obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. En particular, na provincia da Coruña financiáronse actuacións nos centros de saúde dos concellos de Bergondo, Monfero, Pobra do Caramiñal ou Valdoviño.

A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal.  Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para este ano, a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2007 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que, para a provincia da Coruña, ascendeu a 3,7 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Zas recibe 8.863 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros, senón que tamén colabora cofinanciando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde