A XUNTA OUTORGA AXUDAS POR MÁIS DE 920.000 EUROS PARA REALIZAR PROGRAMAS NO ÁMBITO DOS TRASTORNOS MENTAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 07 2022

A Xunta den Galicia vén de conceder, a través dunha resolución publicada hai uns días no Diario Oficial de Galicia, máis de 920.000 euros a entidades sociais que realizan programas sociosanitarios no eido dos trastornos mentais. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita realizada á Aula de Persoas Adultas do Hospital Psiquiátrico de Conxo, no que a Asociación Itínera desenvolve actividades financiadas por estas axudas.

O programa desta asociación xa formara parte dos 41 que resultaron beneficiarios da convocatoria do ano 2021 e volve a estar este ano entre a lista de programas subvencionados, cuxo número ascende a 51, dez máis que o ano pasado.

Por segundo ano consecutivo tras a aprobación do Plan de Saúde Mental de Galicia, o Executivo galego convocou axudas por máis de 800.000 euros para este tipo de programas. Se en 2021 se concederon máis de 860.000 euros, a convocatoria de 2022 puido chegar finalmente, grazas a unha ampliación do crédito, ata os 920.000 euros, un financiamento que bate marcas neste sector, grazas aos recursos adicionais que proporciona o Plan Galego de Saúde Mental 2020-2024.  

O investimento nesta convocatoria anual de axudas forma parte do orzamento de 83 millóns de euros do Plan, cuxo obxectivo principal é realizar accións que melloren a asistencia dos trastornos mentais, así como diminuír o impacto destas doenzas, tanto nas persoas que as sofren, como nos seus achegados.

A convocatoria conta con distintas liñas de axudas que financian tanto investimentos nos centros das asociacións deste eido como programas de prevención de recaídas en alcoholismo e adiccións comportamentais, programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais, programas de prevención de suicidio e, fundamentalmente, programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo, a liña que concentra a meirande parte do gasto.

Asociación Itínera de voluntarios en saúde mental

Precisamente o conselleiro coñeceu no Hospital Psiquiátrico de Conxo un dos proxectos financiados a través desa liña de axudas: o Programa Hermes para a promoción da saúde mental e o apoio emocional a persoas con trastorno mental severo que realiza a Asociación Itínera de voluntarios en saúde mental. A visita iniciouse na Aula de Persoas Adultas do Hospital Psiquiátrico e continuou polo antigo cemiterio do mesmo, onde se desenvolve o voluntariado medioambiental dende hai varias décadas. 

Durante a visita, o titular da carteira sanitaria galega estivo acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez; a xefa de servizo de Saúde Mental do Sergas, María Tajes e o responsable de programas da asociación, Carlos Martínez. Así mesmo, na visita tamén estivo presente persoal técnico do hospital.

O Programa Hermes de Itínera recibirá, a través da convocatoria de axudas unha subvención de máis de 23.500 euros, o que representa un incremento dun 22% respecto ao recibido o ano pasado. Por outra banda, Itínera resultou beneficiaria tamén da liña destinada a programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais, a través da que recibiu preto de 5.700 euros.

Ademais de programas de intervención comunitaria e de incorporación social, esta asociación  realiza diversas actividades formativas e de lecer no Centro de Formación da Portela, na parroquia compostelá de Figueiras. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde