A XUNTA ADQUIRE DOUS NOVOS MAMÓGRAFOS PARA O HOSPITAL DO MEIXOEIRO POR CASE 400.000 EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 07 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de visitar, esta semana, a unidade de mama do Hospital do Meixoeiro, con motivo da adquisición, por parte da Xunta, de dous novos mamógrafos para este centro sanitario da rede sanitaria pública galega, aparataxe ao que destina case 400.000 euros. No acto, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente da área sanitaria, Javier Puente.

Este novo equipamento para o Hospital Meixoeiro, forma parte dun contrato para renovar catro equipos de mamografía dixital destinados ao cribado mamográfico do Programa galego de detección precoz do cancro de mama. Os novos equipos, nos que a Xunta de Galicia investirá preto de 800.000 euros, estarán dotados da tecnoloxía dixital 3D (tomosíntese), que reduce a superposición de tecidos, mellorando a taxa de detección e reducindo o número de biopsias. 

Os centros destinatarios dos catro equipos son, un para o Hospital Gil Casares, na área sanitaria de Santiago e Barbanza; outro para o Hospital Abente e Lago, na área sanitaria da Coruña e Cee, e o Hospital Meixoeiro, da área sanitaria de Vigo, ao que van dous equipos.

Este investimento forma parte dos máis 90 millóns de euros que os Orzamentos da Xunta de 2022 contemplan para a renovación e ampliación de equipamento tecnolóxico na sanidade pública galega (equipos de ecografía, bloques cirúrxicos e diagnóstico por imaxe). Esta aposta nos Orzamentos deste ano continúa á xa efectuada en 2021, cun Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario dotado con 60 millóns de euros, que permitiu a compra de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci e 37 equipos radiocirúxicos.

Alta participación

Sinalar que o Programa galego de detección precoz do cancro de mama púxose en marcha no ano 1992 e foise estendendo ata cubrir, no ano 1998, o 100% da poboación obxectivo. Ata o ano 2004, a poboación diana a constituían as mulleres residentes en Galicia de 50 a 64 anos. Seguindo as directrices da Unión Europea, a partir do ano 2005 o Programa comezou a ampliación progresiva do grupo de idade ata os 69 anos, obxectivo que se acadou no 2009.

Un dos indicadores principais de resultados é a participación, no período 1992-2019 realizáronse en total 2.704.969 exploracións. A participación global obtida foi do 79,2%. O obxectivo de participación aceptable establecido polas “Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico” é do 70%, acadado polo Programa en todo o período, e o obxectivo desexable é do 75%, conseguido polo programa a partires do ano 2006 de maneira continuada.

En concreto, no Hospital Meixoeiro, no pasado ano, foron exploradas 36.892 mulleres, cunha participación do 79,3%.

Taxa de detección

No que atinxe aos resultados da proba de cribado, no período 1992-2019 no conxunto de Galicia, indicóuselles unha valoración clínica adicional ao 2,9% das mulleres exploradas. No resto das mulleres obtívose un resultado normal da exploración mamográfica. 

No que se refire á taxa de detección de cancro de mama, no período 1992-2018 diagnosticáronse en total 9.382 cancros entre as pacientes remitidas aos hospitais para estudo, unha taxa de detección de 3,68 cancros por 1.000 mulleres exploradas. A taxa de detección (datos provisionais) para o período xaneiro-decembro de 2019 é de 4,46‰. 

Nun estudo de supervivencia levado a cabo en mulleres galegas do grupo de idade do programa e diagnosticadas de cancro de mama no período 1996-2009, constatouse que as mulleres diagnosticadas polo programa presentaron mellores resultados que as diagnosticadas ao marxe do programa, cunha supervivencia relativa aos cinco anos do 96,6 % e 83,1% respectivamente.

Polo que respecta ó impacto na mortalidade por cancro de mama en mulleres de 50-69 anos (grupo de idade diana do programa), producíronse 910 menos das esperadas, o que representa una diminución maior do 20% dos casos observados fronte ao que podería esperarse en ausencia de cribado poboacional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde