A XUNTA ASINA COA COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE MOURENTE A CESIÓN DAS INSTALACIÓNS DO HOSPITAL MONTECELO DE PONTEVEDRA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 08 2022

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourente, Carlos Morgade, asinaron hoxe, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o acordo de cesión entre o Servizo Galego de Saúde e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourente, para a ocupación de uso de espazos con destino ao Hospital Montecelo de Pontevedra. En virtude deste acordo, que foi autorizado pola Xunta de Galicia hai una semana na sesión do Consello, a Mancomunidade de Montes de Mourente cede, con carácter indefinido ao Servizo Galego de Saúde, o uso dos terreos actualmente ocupados polo hospital, o que supón a regularización da situación das instalacións do complexo sanitario, logo de que unha sentenza xudicial recoñecera á comunidade como titular deste chan.

Ante esta situación, a Xunta negociou con esta entidade un acordo de cesión dentro dos procedementos contemplados na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. Deste xeito, a Administración autonómica aboará un canon anual por importe de 23.583 euros á Comunidade de Montes Veciñáis en Man Común de Mourente, para salvagardar a prestación sanitaria nas instalacións actuais e garantir o mantemento do uso dos terreos actualmente ocupados polas instalacións do Hospital Montecelo. Tamén, o acordo garante a continuidade dos servizos asistenciais e as instalacións anexas.

No acto de sinatura de hoxe estiveron tamén presentes, por parte da Xunta, o delegado territorial en Pontevedra, Luis López Diéguez; o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; e o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández. Por parte da Comunidade de Montes, asistiron tamén o vicepresidente, Manuel Pastoriza Fandiño, e a secretaria, M.ª Elisa Bouzas Gómez.

Segundo o acordo asinado hoxe, o Servizo Galego de Saúde poderá realizar nestes terreos todas as instalacións, construccións, edificacións e melloras vinculadas ao destino da parcela que sexan necesarias para a atención sanitaria da poboación da súa área, o que supón o mantemento da atención sanitaria á poboación que se vén prestando ata o momento.

Polo tanto, a poboación da área sanitaria non se verá afectada polo recoñecemento da titularidade dos terreos a prol da Comunidade de Montes Veciñais, xa que o acordo mantén a plena dispoñibilidade por parte do Servizo Galego de Saúde, e seguen vixentes os proxectos de mellora e desenvolvemento da asistencia sanitaria da área. 

Este acordo de cesión enmarcase, así mesmo, no proceso de mellora continua de reforzamento dos servizos asistenciais públicos galegos.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde