Unha das maiores preocupacións do
Servizo Galego de Saúde é dar a mellor asistencia sanitaria á poboación, cuns
elevados niveis de calidade e seguridade para o paciente.
Dentro da política de control de
calidade na que se atopa inmerso o Complexo Hospitalario Universitario de A
Coruña, a Central de Esterilización obtivo a certificación de AENOR que apoia o
sistema de xestión da calidade conforme ás esixencias das normas internacionais
como a UNE-EN ISO 9001: 2015.
O alcance do sistema de xestión de calidade
definido pola Unidade de Esterilización abarca todo o reprocesamento do
material cirúrxico dende o seu lavado, pasando polo esterilizado e empaquetado,
ata a súa distribución, ás áreas cirúrxicas, así como o instrumental utilizado
en unidades de hospitalización, urxencias e críticos dos distintos centros que
compoñen o CHUAC cumprindo todos os requisitos legais en vigor.
O proceso de implantación do sistema de xestión de
calidade consistiu nun conxunto de accións planificadas e lideradas polos
servizos de calidade e de medicina preventiva co obxecto de asegurar un produto
estéril de calidade e así aumentar a seguridade do paciente. Todos os profesionais involucrados nesta unidade pousen un alto nivel de
capacitación e coñecementos, así como unha gran capacidade de traballo, entrega
e compromiso. Ademais, realizan cursos e actividades de formación e participan
en programas de calidade, obtendo sempre uns magníficos resultados.
Central Integral de
Esterilización
A actual central integral de esterilización, que
abarca unha superficie de 800m2,, foi construída no ano 2017, conta
coa tecnoloxía máis novidosa existente no mercado, e ten unha capacidade de procesado anual superior
a 60.000 unidades técnicas de esterilización, equivalentes a 40.000
intervencións cirúrxicas/ano, prestando servizo permanente, as 24 horas do día,
os 365 días do ano, a todos os centros da Área Sanitaria da Coruña e Cee.
O conxunto da unidade incorpora os medios e o equipamento para o lavado e
esterilización do material coas máximas garantías de calidade para reprocesar
calquera produto sanitario independentemente da complexidade ou esixencias do
mesmo, con seguridade para o pacientes e os profesionais. Así, conta con
lavadoras termo/desinfectadoras con sistema automático de transferencia de
material, lavadoras específicas para material sensible (coma os
endoscopios), túneles de lavado,
esterilizadores a vapor e de baixas temperaturas (sistemas de peróxido de
hidroxeno e óxido de etileno), ademais dunha central de dosificación automática
de deterxentes e outra de purificación de auga, e os sistemas de carros de
transporte, contedores, mesados e accesorios complementarios.
Este equipamento, que ten as máis altas prestacións existentes na
actualidade, xunto co compromiso do equipo de persoas que traballan todos os
días na central, e as modernas ferramentas informáticas que aseguran a
trazabilidade de todo o proceso, aportan fiabilidade e seguridade nun paso tan
sensible como é a esterilización do material, que ten un papel importante na
prevención das infeccións no entorno sanitario, seguridade que ven a avalar a
recente certificación do sistema de xestión de calidade da Central por unha
entidade externa independente.