A XUNTA AUTORIZA A COMPRA DE EQUIPOS DE CARDIOLOXÍA INTERVENCIONISTA PARA OS HOSPITAIS DAS ÁREAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 08 2022

A Xunta de Galicia adquirirá novos equipos de cardioloxía intervencionista (hemodinámica) para os hospitais das áreas sanitarias. O Goberno galego, na súa reunión de hoxe, autorizou a compra de novos equipamentos de alta tecnoloxía para renovar os equipamentos dos hospitais universitarios de A Coruña, Ourense, do Hospital Clínico de Santiago, do Álvaro Cunqueiro de Vigo e do Montecelo de Pontevedra.

A cardioloxía intervencionista permite a colocación de dispositivos intracoronarios e a realización de valvuloplastias (modificacións na anatomía valvular) para a resolución de problemas coronarios e valvulares, respectivamente.

En total, adquiriranse sete equipos para desenvolver esta técnica, por importe de preto de 6 millóns de euros, que substituirán aos equipamentos actuais de cardioloxía intervencionista destas unidades hospitalarias, agas no caso de Pontevedra, onde se comprará un novo aparataxe.

A Xunta investirá un total 5.927.064 euros na adquisición dos sete novos equipos, que se instalarán nos anos 2022 e 2023, se ben a instalación no ano 2023 estará condicionada ao remate das obras para a adecuación dos espazos.

Así, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo renovaránse os dous equipamentos neste ano 2022. O Hospital Universitario de A Coruña contará con dous novos equipos, un previsto para este ano e o segundo para o ano que ven. No Hospital Clínico Universitario de Santiago renovarase o aparataxe este ano coa compra dun equipo. O vindeiro ano 2023 tamén está prevista a renovación do equipamento de cardioloxía intervencionista do Hospital Universitario de Ourense, e a compra dun equipo novo para o Hospital Montecelo de Pontevedra.

Neste último caso, o do Hospital Montecelo, a compra do equipo permitirá ao centro contar cunha sala de hemodinámica propia -ata o momento era compartida con Radioloxía-, o que permitirá facer cateterismos todos os días, mellorando os tempos de atención e evitando que se deriven pacientes a outros centros.

A renovación destes equipamentos reducirá a obsolescencia do parque tecnolóxico de equipos de alta tecnoloxía e elevará, como mínimo un 15%, a taxa media de densidade de equipos de alta tecnoloxía por 100.000 habitantes, o que aumentará as capacidades diagnósticas dos centros de destino. O acordo aprobado hoxe pola Xunta para a compra e renovación de equipos de cardioloxía intervencionista responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación das áreas sanitarias de referencia, mellorando os servizos de atención sanitaria.

Diagnose da enfermidade das arterias do corazón

A cardioloxía intervencionista permite o estudo anatómico e funcional do corazón mediante a introdución de catéteres no paciente para coñecer o estado das arterias coronarias, válvulas cardíacas, movementos das paredes do corazón e grandes vasos. Grazas a esta técnica pódese diagnosticar con precisión a enfermidade das arterias do corazón, determina as obstrucións significativas ou completas, así como a extensión e a gravidade da enfermidade. Deste modo, a información que aporta esta proba é fundamental para comprender a importancia da enfermidade do corazón e permite decidir o tratamento máis adecuado ao problema concreto de cada paciente.

Máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e equipamento sanitario en 2022

Os Orzamentos da Xunta para o 2022 están a supoñer un investimento de máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e equipamento sanitario para os centros da rede sanitaria pública galega, continuando o investimento de máis de 60 millóns dos orzamentos de 2021, que permitiu a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci instalados nos hospitais de cabeceira das sete áreas sanitarias e de 37 equipos radiocirúrxicos, así como dúas licitacións de ecógrafos que posibilitaron que todos os hospitais públicos reciban novos equipamentos de ecografía tras máis de 6 millóns de euros de investimento.

En particular, este ano os Orzamentos incorporan 61,3 millóns para renovar e ampliar o equipamento de alta tecnoloxía sanitaria a través da canalización dos fondos europeos Next Generation cara á renovación e ampliación dos equipamentos de alta tecnoloxía dos sistemas sanitarios públicos.

O obxectivo principal é incrementar a supervivencia global e a calidade de vida das persoas mediante el diagnóstico de enfermidades en estadios temperáns, posibilitando a intervención terapéutica rápida, con especial atención ás patoloxías de maior impacto sanitario, presente e futuro, do sistema sanitario galego, como son as enfermidades crónicas, as enfermidades oncolóxicas, as enfermidades raras e as enfermidades neurolóxicas. Todo elo, consolidando a equidade no acceso á alta tecnoloxía e mellorando a calidade asistencial e a seguridade de pacientes e profesionais.​​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde