A XUNTA AUTORIZA O ACORDO CO CONCELLO DE MUÍÑOS PARA A CESIÓN DOS TERREOS NOS QUE SE CONSTRUIRÁ O NOVO CENTRO DE SAÚDE DO MUNICIPIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 08 2022

A Xunta de Galicia formalizou na reunión do Consello celebrada hoxe a aceptación da cesión do terreo para a construción dun novo centro de saúde en Muíños. En virtude do acordo aprobado, o Concello de Muíños cede de xeito gratuíto ao Servizo Galego de Saúde unha parcela de 800 m² na que se emprazará esta nova dotación sanitaria para o municipio.

A aceptación da parcela cedida polo concello permitirá ao Goberno galego construír nela o novo centro de saúde, previsto na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta, e substituír o actual centro de atención primaria, que ten 36 anos de antigüidade e importantes problemas estruturais, como o feito de compartir espazos con vivendas municipais, que dificultan a prestación da atención sanitaria.

O novo centro que se edificará sobre esta parcela duplicará a superficie do actual, pasando dos 170 m² aos 340; será un edificio de uso exclusivo sanitario e contará con importantes melloras para os pacientes e para os profesionais. Así, terá unha sala polivalente, que non existía no actual, e contará cunhas dimensións nas consultas cos criterios unificados do Servizo Galego de Saúde, así como con sala de xuntas, vestiarios e almacén.

Resposta do Concello á petición dunha parcela

A parcela sobre a que se edificará a nova infraestrutura é de natureza urbana e propiedade do Concello, que respondeu de inmediato á petición que a Xunta fixo en novembro de 2021 para a achega dunha parcela viable, cando menos cunha edificabilidade de 339 m2, para o futuro novo centro de saúde. A parcela foi avaliada como óptima polo persoal técnico do Sergas en decembro de 2021. En consecuencia, o pasado 20 de maio procedeuse á sinatura do convenio entre o Sergas e o Concello de Muíños, no que o concello se comprometía a completar o proceso de cesión desta parcela, o que fai agora. Pola súa banda, o Sergas formalizou o pasado 14 de xullo a encomenda á Axencia Galega de infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e execución das obras de construción deste centro.

Este centro de saúde está incluído no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, que no caso da provincia de Ourense, contempla a construción de oito novos centros de saúde en distintas fases.

En particular, na fase 1 figuran dentro desta planificación os novos centros de saúde de Muíños e Boborás, ambos cos convenios xa asinados e cuxos proxectos se licitarán este mesmo ano; así como o centro de saúde do Carballiño, sobre o que a Xunta vén de asinar esta mesma semana un protocolo co Concello para tramitar a súa construción na parcela da actual estación de autobuses.​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde