A XUNTA ACEPTA A PARCELA CEDIDA POLO CONCELLO DE MOAÑA NA QUE SE CONSTRUIRÁ O NOVO CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 08 2022

A Xunta de Galicia aprobou o acordo polo que acepta a cesión dun terreo de 2.067 m² propiedade do Concello de Moaña para a construción dun novo centro de saúde na localidade. Esta cesión, feita a título gratuíto polo Concello de Moaña a favor do Servizo Galego de Saúde, posibilitará a posta en marcha desta necesaria infraestrutura sanitaria.

Cúmprese así finalmente o compromiso de cesión de terreos adquirido mediante convenio asinado entre Xunta e Concello en febreiro de 2020. Pola súa banda, a Xunta comprometeuse a edificar, sobre o terreo que cedera o Concello, un novo centro de saúde para Moaña tomando como base o documento do Plan de Necesidades Sanitarias para Cangas e Moaña presentado en xuño de 2018 e que proxectaba dous novas infraestruturas: un Centro Integral de Saúde para Cangas na zona de A Rúa, (que unificaría a atención ás urxencias dos dous concellos nunha zona accesible para ambos) e un novo centro de saúde en Moaña na parroquia de Sisalde.

Dada a importancia desta actuación, e de xeito excepcional, aínda sen ter transferida a parcela, o Sergas licitou en decembro de 2020 a redacción do proxecto básico e as prestacións opcionais de redacción do proxecto de execución e da dirección de obra do novo centro de saúde. En consecuencia, esta dotación sanitaria foi incluída na fase 0 – prioritaria- do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta que aprobou o Consello da Xunta en outubro de 2021.

Aínda á espera da cesión da parcela, en xaneiro de 2022 a Xunta encargou a elaboración do proxecto de execución do centro, xa supervisado e aprobado polos servizos de obras do Sergas. En consecuencia, a Xunta de Galicia tiña xa preparados os pregos para licitar, en canto se recibise a parcela, a obra da nova dotación sanitaria de Moaña por importe de 9,3 millóns e cun prazo de execución de 18 meses.

Porén, o acordo plenario aprobado no Concello de Moaña esixe, unha vez formalizada a cesión, a apertura dun período de información pública e a publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, para posibles alegacións. En consecuencia só unha vez superada esta fase poderá procederse á licitación do contrato de obra.

Incremento considerable de superficie e espazos

Este novo centro de saúde substituirá ao actual, emprazado na Casa do Mar, e contará con máis de 3.500 m2, máis que duplicando a superficie do actual.

O novo centro proxectado incrementa de xeito considerable o número de espazos respecto ao actual. En total, segundo o Plan Funcional, contará con 8 consultas de medicina, 6 de enfermería, 1 de matrona, sala de toma de mostras, sala de técnicas, 6 salas polivalentes, 2 consultas de pediatría, 2 salas de enfermería pediátrica e 2 salas polivalentes de pediatría. Tamén, contará cun despacho de coordinación, 1 sala de educación sanitaria e áreas bucodental, de fisioterapia, así como un despacho para o traballador social e sala de telemedicina e ecografías.

Tal e como se comprometera a Xunta co Concello de Moaña, as salas polivalentes situadas na planta baixa poderán ser usadas como Punto de Atención Continuada namentres non se poña en marcha o PAC unificado previsto no futuro Centro Integral de Saúde do Morrazo, do que aínda se segue á espera de cesión de parcela por parte do Concello de Cangas.

A construción desta nova dotación en Moaña, xunto coas tres prazas en propiedade que se cubrirán no centro grazas á convocatoria de prazas de facultativo especialista en atención primaria aberta pola Xunta este ano, permitirán dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación con actuacións que permiten mellorar as infraestruturas e dotacións adicadas á atención asistencial á cidadanía no Concello.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde