A XUNTA INCORPORARÁ NAS VINDEIRAS SEMANAS UNHA SEGUNDA RESONANCIA MAGNÉTICA AO HOSPITAL DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 08 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar as resolucións da adxudicación de diverso aparataxe para hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde. En particular, adxudicouse por 2,1 millóns de euros á empresa Siemens HealthCare a subministración de dúas resonancias magnéticas para o hospital Arquitecto Marcide. Desde xeito, o hospital ferrolán non só verá renovada a resonancia coa que conta actualmente senón que incorporará un segundo equipo.

O contrato fixa un prazo máximo de 3 meses para a entrega deste equipamento, polo que nas vindeiras semanas poderá ser entregado ao Complexo Hospitalario, que poderá instalalo na súa nova área de radioloxía.

As obras da fase I do Plan Director do CHUF, en execución cun investimento de 50 millóns de euros, non só están a levantar dous novos edificios senón que están a proceder á reforma da planta semisoto do Arquitecto Marcide para instalar o novo servizo de radioloxía. Esta primeira fase das obras suporá un incremento do 53,9% da superficie do CHUF, o que permite entre outras cousas a incorporación de novo equipamento como esta segunda resonancia.

TAC con tecnoloxía espectral

Por outra banda, adxudicáronse tamén contratos por 2,15 millóns de euros para incorporar tres novos equipos TAC ao CHUF, dous deles para o Hospital Arquitecto Marcide e outro para o Hospital Naval, sendo a empresa adxudicataria Canon Medical Systems.

A través desta contratación, o CHUF renovará os seus tres TACs, incorporando un deles con tecnoloxía espectral, que mellora a capacidade diagnóstica e diminúe as doses de radiación.

Neste caso, os prazos de entrega oscilan entre o máximo de 5 meses nos que se deberán incorporar os TACs do Arquitecto Marcide e os 10 meses previstos para a chegada do TAC do Hospital Naval.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Estes investimentos entran dentro dos que está a tramitar a Xunta este ano, por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario. Ademais do contrato de nove resonancias magnéticas, que ascendía ata os 10,9 millóns de euros, o Consello da Xunta xa autorizou este ano outras licitacións derivadas deste uso dos fondos Next Generation para a renovación e ampliación do equipamento de alta tecnoloxía sanitaria, como a adquisición de catro aceleradores lineais por 8,9 millóns, de 36 TACs por 21,4 millóns, de tres equipos PET-TC por 5,5 millóns, de sete equipos de cardioloxía intervencionista por 5,9 millóns de euros e de catro equipos de radioloxía vascular intervencionista e catro equipos de neurovascular intervencionista por 8,4 millóns de euros.

En concreto, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol beneficiarase tamén dun dos catro equipos de radioloxía vascular intervencionista que serán adquiridos a través deste último contrato, o que suporá tamén unha novidade pois o hospital ferrolán non conta na actualidade con este equipamento.

Ademais, a Xunta tomou a decisión de complementar os fondos Next Generation con outros fondos do seu propio orzamento para adquirir equipos de gamas superiores aos financiados, algo que xa sucedeu nos contratos de TACs (para incorporar TACs de tecnoloxía espectral) ou nas resonancias magnéticas.

Cómpre remarcar que Galicia está a renovar o 100% dos equipos que teñen unha antigüidade superior aos 12 anos e, no caso dos aceleradores lineais e dos TAC, vaise facer aos 10 anos. Así mesmo, estase a dotar ao Sergas de aparataxe adicional que permita elevar como mínimo un 15% a taxa media de densidade de equipos de alta tecnoloxía por 100.000 habitantes, mellorando a equidade no acceso en todo o territorio de Galicia, e achegando o servizo aos pacientes.

Estes dous obxectivos, redundarán en aumentar as capacidades diagnósticas dos centros do Sergas mediante a mellora das características técnicas que presentan os novos equipos.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde