A XUNTA RENOVARÁ A NORMATIVA DE HORARIOS E GARDAS DE OFICINAS DE FARMACIA DE HAI 20 ANOS PARA ADAPTALA ÁS NECESIDADES ACTUAIS E GARANTIR A COBERTURA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 08 2022

O Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia publica hoxe o proxecto de Decreto de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia na comunidade galega, un regulamento que desenvolve a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, substituíndo así ao vixente decreto aprobado hai máis de 20 anos, en 1999.

O devandito proxecto, dende hoxe a exposición pública no Portal de Transparencia para a presentación de suxestións, regula os horarios, as quendas de garda e as vacacións nas oficinas de farmacia establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia e determina o número de profesionais farmacéuticos necesarios para a atención ao público nas mesmas. O regulamento ten como finalidade garantir á poboación unha excelente cobertura da rede de atención farmacéutica en todo o territorio galego.

Este novo decreto aborda unha regulación que, á vista das necesidades sanitarias e as peculiaridades xeográficas e poboacionais existentes nas distintas zonas farmacéuticas da nosa comunidade, garante unha atención continuada e axeitada á poboación, regulando a xornada e horario das oficinas de farmacia, así como as correspondentes quendas de garda e vacacións, en consonancia cos principios de liberdade e flexibilidade horaria consagrados na Lei 3/2019, do 2 de xullo.

Nese sentido, establécense os mecanismos para que eses principios de liberdade e flexibilidade horaria permitan que o horario poda ser adaptado e modulado segundo as circunstancias das oficinas de farmacia, mais sempre tendo en conta as necesidades da poboación á que prestan servizo.

A través desta normativa, a Xunta quere homoxeneizar os horarios de apertura dos establecementos: preténdese que a cidadanía saiba que horarios teñen e, sobre todo, cales van a cumprir os requisitos de estar abertas as 24 horas, e que sexa igual para as catro provincias. En consecuencia, o decreto marcará a obriga de que esta información estea permanentemente actualizada nas páxinas web dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia.

Dende a Consellería de Sanidade quérese agradecer a colaboración dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, cos que o texto foi consensuado, polas achegas realizadas.

Especial atención á idiosincrasia e dispersión poboacional do territorio galego

Para a fixación do sistema de quendas de garda o proxecto de decreto requirirá ter en conta, necesariamente, a poboación a atender, a accesibilidade da poboación á prestación farmacéutica, con especial atención á idiosincrasia do territorio galego, e as diferencias de densidade poboacional entre os distintos territorios. 

Préstase tamén unha atención singularizada ás especiais circunstancias das zonas rurais e á dispersión poboacional existente, polo que no proceso de deseño do servizo de garda e dos sistemas de quenda que o atenderán téñense en especial consideración as oficinas de farmacia establecidas en aquelas zonas rurais ou en núcleos de poboación pequenos. Todo elo co fin de que todos os galegos conten cunha rede de atención farmacéutica de máxima calidade.

Ademais, o decreto atribúe aos colexios oficiais de farmacéuticos de cada provincia o establecemento do sistema de quendas que atenderá este servizo de garda, xa que son os colexios oficiais os que mellor coñecen as circunstancias e características das oficinas de farmacia situadas no seu ámbito territorial, así como as necesidades reais da poboación destes. 

Unha importante innovación respecto ao decreto vixente é a inclusión, dentro dos criterios de regulación das quendas de garda, do concepto de “área de referencia dos puntos de atención continuada (PAC)”, ao que se lle dá unha especial atención. O proxecto de decreto establece que a rede do servizo sanitario de urxencia que a Xunta presta a través dos PAC constitúe un elemento de primeiro nivel para configurar, á súa vez, a rede básica do servizo farmacéutico de urxencia e garantir o acceso fácil e rápido á obtención dos medicamentos e produtos necesarios para os usuarios e a coordinación médico-farmacéutica. En consecuencia, márcase a obriga de que exista cando menos unha oficina de farmacia de garda situada a menos de 15 quilómetros de cada PAC ou a menos de 15 minutos del.

A Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia,  a máis moderna do país

A Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, aprobada polo Parlamento de Galicia sen votos en contra e convertida na lexislación máis moderna de España, precisa para a súa axeitada aplicación dun desenvolvemento regulamentario en determinadas materias sinaladas no seu articulado. Así, trala súa  entrada en vigor o 30 de xullo de 2019, comezouse a traballar na planificación e organización dos contidos do regulamento da mesma.  

A Xunta de Galicia iniciou este desenvolvemento regulamentario acometendo a regulación da dispensación dos Sistemas Personalizados de Dosificación en oficinas de farmacia, que era unha das demandas mais reiteradas polo sector farmacéutico e mesmo polos pacientes susceptibles de empregar esta ferramenta. Froito destes traballos aprobouse o Decreto 87/2022, do 19 de maio, polo que se regulan as condicións e os requisitos para a preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación nas oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro do contexto actual atópase tamén en fase de tramitación o proxecto de decreto polo que se regulan as condicións, requisitos e recursos materiais e humanos das Unidades de Farmacia e os Depósitos de medicamentos nas Estruturas de Atención Primaria, iniciativa regulamentaria que foi xa sometida a consulta pública previa e que, arestora, se atopa en elaboración por parte da Subdirección Xeral de Farmacia.

O terceiro dos regulamentos de desenvolvemento da lei é este proxecto de decreto de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia, que hoxe avanza un paso máis coa apertura da súa fase de exposición pública e a súa publicación no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde