O SERVIZO DE OFTALMOLOXÍA DO CHUO INCORPORA UN NOVO ANXIÓGRAFO RETINÓGRAFO DE ÚLTIMA XERACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 08 2022

O Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Universitario de Ourense incorporará o vindeiro mes de setembro un novo Anxiógrafo Retinógrafo de campo amplo (Clarus 700) que foi adxudicado esta semana a empresa Carl Zeiss Meditec Iberia S.A.U. por un importe total de 96.800 euros.

Este novo equipamento electromédico potenciará a realización da proba diagnóstica da retinografía que se utiliza máis habitualmente para documentar enfermidades relacionadas coa retina ademais de para controlar a súa evolución e resposta ao tratamento, ao proporcionar información moi detallada sobre o estado de estruturas fundamentais como a mácula, o nervio óptico ou a vascularización da retina.

O sistema produce imaxes excepcionais en cor verdadeira que se asemellan moito á coloración da retina como se ve a través da observación directa durante o exame clínico. A vantaxe dos retinógrafos de campo de visión ultra amplo é a súa capacidade para obter imaxes periféricas sen perder resolución. As imaxes en alta definición de campo amplo combínanse automaticamente para lograr un campo de visión ultra amplo de 200 graos permitindo os profesionais a valoración tanto da retina central como periférica.

Ademais da obtención de retinografías e imaxes en autofluorescencia, este dispositivo permite a realización de anxiografías retinianas, tras a administración dun contraste intravenoso o paciente, que proporcionan información de gran valor para o diagnóstico e seguemento de enfermedades vasculares do fondo do ollo. A súa capacidade para obter imaxes en campo amplo permite observar nunha única captura o estado vascular da retina central e periférica o que cobra especial importancia en enfermidades donde a periferia da retina pode verse afectada como a retinopatía diabética ou as tromboses vasculares retinianas.

A precisión da cor é importante no diagnóstico, a documentación e o tratamento das enfermidades oculares e o novo equipamento combina os beneficios dunha vista de campo ultra amplo en toda a retina coa alta calidade da fotografía de fondo de ollo utilizada para obter imaxes que axudarán no día a día os profesionais do servizo no diagnóstico, seguimento e manexo dos pacientes.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde