GARCÍA COMESAÑA AGRADECE O TRABALLO DOS PROFESIONAIS DO SERGAS E ANTICIPA A ASIGNACIÓN DAS 106 PRAZAS DE ESPECIALISTA EN ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 08 2022

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo este luns un encontro cos representantes dos traballadores do Servizo Galego de Saúde na mesa sectorial para, entre outras cousas, recoñecer o traballo que desenvolven os profesionais que integran todos os ámbitos da sanidade galega. 

García Comesaña, quen aproveitou o encontro para presentar á recentemente nomeada nova xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e estivo acompañado tamén pola directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, quixo amosar o seu agradecemento a todos os profesionais da Atención Primaria ordinaria dos 463 centros de saúde de Galicia, aos traballadores dos 100 Puntos de Atención Continuada e dos 14 centros hospitalarios, así como ao persoal da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 e da Central de Coordinación do 061. 

En palabras do conselleiro de Sanidade, “todos eles foron fundamentais para atender a demanda sanitaria no que vai de verán, dando un elevado nivel de servizo e satisfacción aos usuarios, tanto aos galegos como a aquelas persoas que nestas semanas nos visitaron”. 

O titular da sanidade galega destacou tamén que as estivais “foron xornadas onde se combinou unha alta intensidade e calidade na asistencia  co correspondente descanso dos propios profesionais, nun momento complicado ademais, polas ausencias imprevistas que tamén se produciron e polo impacto aínda da pandemia da covid”. A pesar desta situación, García Comesaña indicou que “a prestación sanitaria desenvolveuse, e iso foi, sen dúbida, grazas ao traballo e a disposición dos profesionais sanitarios”. 

O conselleiro aproveitou o encontro coa mesa sectorial para trasladar este recoñecemento aos representantes dos traballadores sanitarios, e lamentou “o uso partidista que algunhas organizacións esta facendo, unha vez máis, da Sanidade, para desmerecer e criticar o traballo destes profesionais”.

Durante a xuntanza, García Comesaña tamén trasladou o estado do proceso de asignación das 106 prazas en propiedade para cubrir vacantes de Atención Primaria en prazas de difícil cobertura. Un proceso pioneiro no Sistema Nacional de Saúde, mediante o sistema de concurso de méritos, que durante os meses de verán seguiu o seu curso, estando xa próximo o momento da asignación das prazas.

Así mesmo,  o conselleiro comunicou ás organizacións sindicais do ámbito sanitario o estado da Lei de medidas para mellorar a cobertura dos hospitais comarcais e á saúde mental, unha normativa que facilitará e acelerará o proceso de novas prazas por concurso de méritos, sen oposición.

García Comesaña agradeceu tamén o traballo intenso da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, con importantes negociacións da mesa sectorial, que non se suspenderon no verán. Na actualidade, está a negociarse o novo pacto, os procesos selectivos de consolidación coa convocatoria de enfermaría xa realizada, o plan de ordenación de Atención Primaria, así como as medidas para melloras económicas en Atención Primaria e medidas organizativas e de xestión  nos PAC. 

Estabilización do persoal e ampliación prazas MIR

Na mesma liña, informou que as prioridades do Sergas pasan fundamentalmente pola estabilización do persoal . Neste sentido, puxo en valor o concurso anual de traslados para mobilidade, o pacto de selección temporal de médicos especialistas e o traballo do Consello Técnico de Atención Primaria. Así mesmo, salientou o incremento de prazas MIR, que supuxo un gasto de 5 millóns este ano para investir no futuro da substitución de persoal.

Tamén, detallou o estado da demanda da Consellería de Sanidade, xunto con outras seis comunidades autónomas, para a ampliación, na próxima convocatoria, do número de prazas MIR, ata acadar as 1.000 adicionais ás existentes. Deste xeito poderase comezar, tras catro anos de inacción do Ministerio de Sanidade,  á corrección entre o número de MIR formados e os profesionais que se xubilan. Esta demanda foi aprobada por maioría no Congreso dos Deputados, co voto en contra do PSOE e do BNG. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde