Cento vinte nove persoas anotadas nas bolsas de emprego (listas de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde para a cobertura de ausencias do persoal titular), poderán acceder a un dos contratos de longa duración que a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras ofertará o vindeiro mes de setembro, para traballar en Atención Primaria e nalgún dos tres hospitais públicos da provincia, nunha iniciativa de promoción da estabilidade do persoal eventual, ata a convocatoria das prazas vía OPE.
Este sistema supón un importante esforzo de planificación e seguemento dos cadros de persoal, por parte dos profesionais da Dirección de Recursos Humanos, na procura de potenciar a estabilidade laboral do persoal temporal e, moi especialmente, mellorar a conciliación da vida persoal e profesional das persoas que fan posible que os centros sanitarios manteñan a súa actividade os 365 días do ano, permitindo o necesario descanso dos titulares.
Os contratos que se “lanzarán” cobren un amplo abano de categorías profesionais: desde persoal sanitario de enfermería e as súas especialidades: matrona, especialista de atención familiar e comunitaria, en saúde mental e en pediatría, a pinches e cociñeiros ou cociñeiras, técnicos superiores de radioloxía e laboratorio, persoal auxiliar de coidados de enfermeria (TCAE), auxiliares administrativos, persoal de servizos xerais, celadores e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da Información
A categoría con maior número de contratos ofertados é enfermería con 63, deles dez de enfermeiras especialistas. Por centros tamén é o de maior volume: 37 no Hospital Universitario de Ourense, 4 no Hospital Público de Valdeorras, 2 no de Verín e 10 en Atención Primaria. O segundo grupo máis numeroso é o de TCAE con 38 prazas ofertadas, 36 no hospital de Ourense, unha no de Valdeorras e outra en Atención Primaria.
Por centros no Hospital Universitario, ofértanse 101 prazas, en Primaria 15; 8 no Público de Valdeorras e 5 no de Verín. Máis da metade dos contratos de longa duración que se están a ofertar desde a Área Sanitaria son prazas de nova creación.
A previsión de datas é ofertar as de enfermería o 16 de setembro e as de enfermeira especialista o 26 do mesmo mes. Igualmente, tamén na segunda quincena de setembro, convocarase un exame para a cobertura de tres prazas de Técnico Superior de Sistemas e Tecnoloxías da Información e por último, o 1 de outubro, e o resto de categorías.
Todos os contratos cubriranse de xeito prolongado co persoal da lista de contratacións, seguindo como sempre a orde de puntuación, resultante da baremación da nota dos exames de OPEs (Oferta pública de emprego) previas, experiencia e méritos académicos ou formación.