A XUNTA AUTORIZA A CONTRATACIÓN DO MANTEMENTO E CONSERVACIÓN DAS INSTALACIÓNS DOS HOSPITAIS ARQUITECTO MARCIDE E NAVAL DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 09 2022

O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación do mantemento e conservación das instalacións dos hospitais Arquitecto Marcide e do Hospital Naval, dependentes da área sanitaria de Ferrol, por un total de 2.991.131 euros e por un período de 3 anos prorrogable por outros 2.

O expediente autorizado polo Goberno galego inclúe a xestión enerxética, o mantemento e a conservación dos edificios, instalacións e equipos incluídos no ámbito de actuación destes centros sanitarios.

Concretamente, a contratación abrangue a xestión da eficiencia enerxética para a optimización do consumo nas instalacións eléctricas, auga quente, climatización e vapor; mentres que o servizo de mantemento comprende o desenvolvemento das operacións necesarias de mantemento, conservación dos edificios, instalacións e equipos dos centros incluídos no ámbito de actuación da área sanitaria de Ferrol.

Así mesmo, a empresa adxudicataria poderá propoñer e executar ao seu cargo, previa aprobación da area sanitaria, todas aquelas melloras, ampliacións, actualizacións, reformas e modificacións en edificios, equipos e instalacións que xulgue necesarias para mellorar as prestacións e rendementos enerxéticos dos centros.

Esta actuación aprobada pola Xunta complementa tamén aquelas liñas de traballo que a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, ten posto en marcha no eido da mellora continua da calidade asistencial e da sustentabilidade económica do sistema sanitario público galego.



EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde