O SERVIZO DE REHABILITACIÓN RECIBE UN PREMIO NACIONAL POR UN ESTUDO SOBRE UNHA TÉCNICA PARA A DOR DE OMBREIRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 09 2022

O servizo de Medicina Física e Rehabilitación da Área Sanitaria de Vigo vén de recibir un premio no Congreso nacional da SERMEF e Iberoamericano de Rehabilitación, á mellor comunicación oral presentada por residentes polo estudo “Bloqueo interfascial do nervio axilar combinado con bloqueo do nervio supraescapular no tratamento de patoloxías de ombreiro”.  

O xefe do servizo, Francisco Javier Juan, que liderou o desenvolvemento deste proxecto de investigación, explica que “a dor crónica de ombreiro é un problema médico e socioeconómico importante. Trátase dunha afección común en adultos e unha causa prioritaria de discapacidade funcional, polo que é fundamental a busca de melloras na atención aos nosos pacientes. Neste senso, dedicamos unha investigación ao control desta dor, que ten gran relevancia na práctica sanitaria habitual”. 

O investigador principal do estudo foi o doutor René García Macero, aínda que tamén participaron María Inés Gomes, Joel Pires, Alejandro Herbello, e o tutor de residentes, Antonio López.

Bloqueo combinado dos dous nervios

Na dor de ombreiro, o nervio axilar é o resposable do 30% da percepción dolorosa e o nervio supraescapular do 70% restante de percepción da dor. 


A investigación premiada estuda os resultados dunha técnica -que o servizo de Rehabilitación vigués  xa vén desenvolvendo- de bloqueo combinado dos nervios axilar e supraescapular, fronte a técnica convencional na que só se bloqueaba o nervio supraescapular.  

Este bloqueo simultáneo de ambos nervios realízase mediante abordaxe interfascial. Así, a través de ecografía guiada, localízase a área exacta de confluencia entre o músculo redondo menor, o deltoides e o tríceps; e nese punto concreto os médicos rehabilitadores introducen un tratamento farmacolóxico.

Esta investigación demostrou que o bloqueo combinado de ambos nervios a través desta abordaxe consegue melloras no control da dor e do balance articular. Segundo asegura o Dr. García Macero “utilizar a abordaxe intersfacial dos nervios acurta o tempo da técnica e  evita o risco de punción accidental de estruturas vasculares como arterias e venas. En definitiva, trátase dunha técnica máis segura e eficaz que mellora de xeito moi significativo a calidade de vida dos pacientes”.

Esta técnica ten unhas indicacións moi concretas, e vai dirixida a pacientes con dor moderada ou intensa e con limitación na mobilidade.

1.750 pacientes anuais

O servizo de Rehabilitación conta cunha Unidade de Alta Resolución de Ombreiro que atende 1.750 pacientes anuais. Nesta Unidade realízanse diferentes tratamentos intervencionistas, como os bloqueos nerviosos, dos que se benefician 400 pacientes ao ano. 


As causas desta dor poden deberse a diferentes procesos patolóxicos como os tendinosos, inflamatorios e, sobre todo, a procesos dexenerativos articulares que cursan con discapacidade.

Nos últimos tempos o servizo de Rehabilitación ten realizado diversas investigacións no campo do control da discapacidade e de dor dos pacientes, o que lle ten valido varias distincións e recoñecementos a nivel nacional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde