​A ÁREA SANITARIA DE FERROL ACOLLERÁ UNHA XORNADA PARA PROMOVER A CULTURA DA INNOVACIÓN ENTRE OS PROFESIONAIS SANITARIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 09 2022
 

O Salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol acollerá o próximo xoves día 22 de setembro, desde as 16:00h, a 1ª Xornada de Innovación en Saúde da Área Sanitaria de Ferrol.

Xerencia e o Nodo de Innovación da Área Sanitaria de Ferrol (ASF) están a organizar un evento científico no que se abordará a importancia da innovación no sector da saúde. Así, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; será o encargado de inaugurar unha xornada que contará coa participación de importantes expertos nacionais e internacionais do ámbito sanitario, así como dos eidos empresarial e da universidade.

Tras o acto inaugural, terá lugar a conferencia de apertura titulada “Da Innovación para a transformación sanitaria”, que será impartida polo doutor Julio Mayol, un dos maiores expertos en innovación do noso país, e actualmente director de innovación do Hospital Clínico San Carlos. 

Ademais, a xornada contará tamén con dúas mesas científicas. A primeira delas enfocada á análise dos modelos de xestión da innovación sanitaria e que estará moderada polo Director de Innovación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero. Esta mesa, contará coas achegas de María Luaces, responsable da Unidade de Innovación do Hospital San Carlos; María José Mariño, Directora de área de Centros-CIS Tecnoloxía e Deseño; Patricia Rey Pérez, Directora da Fundación Profesor Novoa Santos;  Salvador Naya Fernández, Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC; e de Rodrigo Gómez Ruíz, Director de PETRI-Incubadora de ideas.

A segunda mesa da xornada moderará o Subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información da área sanitaria de Ferrol, Javier Quiles del Río, e estará centrada en proxectos innovadores da área sanitaria ferrolá. Na mesa participarán 6 profesionais da ASF para expoñer a súa experiencia en proxectos innovadores en saúde con distintos contidos como gamificación en nefroloxía, innovación en oftalmoloxía, innovación en coidados de enfermaría, innovación e procesos de anatomía patolóxica e simulación en medicina. 

Desde o Nodo de Innovación da ASF e o Comité Organizador, anímase a todos os profesionais interesados na innovación en saúde a inscribirse nesta xornada. Así, este evento científico estará aberto ao conxunto de profesionais sanitarios e non sanitarios,  procurando ser un foro de encontro e intercambio de ideas sobre os avances en xestión para a innovación en saúde, e así achegar a experiencia innovadora.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde