O DOG PUBLICA A LISTA DE ASPIRANTES SELECCIONADOS PARA CUBRIR AS 106 PRAZAS DE ESPECIALISTAS EN ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 09 2022

​O Diario Oficial de Galicia​ publica na súa edición de hoxe, 5 de setembro, a resolución coa puntuación definitiva do proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso como persoal fixo á categoría de facultativo especialista de atención primaria, así como os/as aspirantes seleccionados/as. En total, son 106 prazas de especialistas en atención primaria que incorporaranse a finais do mes de setembro.

Esta categoría de facultativo/a especialista de atención primaria foi creada como parte do colectivo profesional do persoal médico de familia, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, coa previsión dun proceso selectivo pioneiro no sector mediante concurso de méritos. 

Así, en case 4 meses dende a convocatoria publicada a finais de abril, xa está na fase final coa incorporación prevista para finais deste mes de setembro, sendo o proceso de selección máis rápido en resolverse da historia. Todo isto amosa o compromiso indubidable do Servizo Galego de Saúde coa estabilización do persoal e, en maior medida, co persoal de categorías con déficit de persoal dispoñible.

Así mesmo, o acceso á praza sen exame é unha medida pioneira en España que sitúa a Galicia na vangarda da selección de emprego público en categorías que requiren especialización. Esta medida supón poder dotar de médicos con estabilidade nas localidades nas que van prestar servizos e por tanto redundan en beneficio da cidadanía. Algunhas prazas son de nova creación, o que supón un incremento de persoal, polo que queda clara a aposta de Galicia pola atención primaria. 

O persoal tomará posesión en prazas básicas que comportan a prestación de servizos en prazas de centros de saúde coa súa cota de pacientes asignados así como tamén un máximo de 2 gardas mes nos PAC que se determinan. Este modelo de prestación de servizos en xornada ordinaria e punto de atención continuada está previsto noutras comunidades autónomas.  

Dos 106 aspirantes seleccionados, 13 accederon pola quenda de promoción interna e 6 pola quenda de discapacidade xeral. O resto de prazas cubriranse pola quenda libre (86), pois ás 73 prazas ofertadas por esta quenda engádense as non cubertas pola quenda de promoción interna (14).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde