​O SERGAS ABRE O PRAZO DE ELECCIÓN DE DESTINO EN 100 PRAZAS DAS ESPECIALIDADES DE CIRURXÍA ORTOPÉDICA E TRAUMATOLOXÍA, E MEDICINA INTERNA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 09 2022


O Diario Oficial de Galicia​ publica na súa edición de hoxe, a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso na categoría de facultativo especialista de área nas especialidades de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (53 prazas) e Medicina Interna (47 prazas), iniciando así o prazo para a elección de destino. 

O Servizo Galego de Saúde adiantou a execución destes procesos coa finalidade de cubrir o antes posible as 100 prazas vacantes con persoal fixo e reducir a temporalidade neste persoal.  

Están convocados para a elección de destino un total de 100 persoas aspirantes, das cales 53 corresponden a especialidade de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, e 47 de Medicina interna. Do total de aspirantes seleccionados, o 55 % son mulleres. O 85% destes aspirantes consolidarán o emprego temporal, posto que xa están a desenvolver as súas funcións no Servizo Galego de Saúde con carácter temporal, e un 5% teñen a súa residencia fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e se incorporarán por primeira vez ao Servizo Galego de Saúde.

Do total de prazas ofertadas na especialidade de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, 14 corresponden a destinos en centros hospitalarios de ámbito comarcal. Na especialidade de Medicina Interna son 19 as prazas que se ofertan nestes centros de ámbito comarcal.

Está previsto que estes profesionais se incorporen a principios do mes de outubro ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde Galego. 

Tamén está prevista a incorporación na mesma data dos profesionais que resultarán adxudicatarios no concurso de traslados aberto e permanente na especialidade de Medicina Interna. 

Coa resolución anticipada dos procesos de selección e provisión destas especialidades, nas cales existe un déficit de profesionais, sobre todo nos centros hospitalarios de ámbito comarcal, pretende acadarse unha resposta coordinada ás necesidades asistenciais no conxunto do Servizo Galego de Saúde e, en consecuencia, unha adecuada atención sanitaria da poboación dos distintos distritos de saúde.

Por outra parte, o concurso-oposición das restantes categorías/especialidades incluídas na mesma convocatoria continúa o seu desenvolvemento e está previsto que se resolva no último trimestre do ano.

Prazo para a elección de destino

As persoas aspirantes disporán dun prazo de dez días hábiles, comprendido entre o 6 e o 19 de setembro próximos, para seleccionar os destinos ofertados por orde de prelación.

Procedemento

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel. 

A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico. A persoa aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

As persoas aspirantes seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde