​A XUNTA ACORDA COS COLEXIOS DE MÉDICOS A RENOVACIÓN DO CONVENIO QUE POSIBILITA A PRESCRICIÓN DE RECEITAS AOS FACULTATIVOS XUBILADOS DO SERGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 09 2022
 
 

A Xunta de Galicia e o catros Colexios Oficiais de Médicos da comunidade veñen de acordar os criterios polo que se renovará o convenio que posibilita o acceso aos talonarios de receitas oficiais do Servizo Galego de Saúde, por parte do persoal médico xubilado que prestara os seus servizos como facultativo na sanidade pública asistencial galega.

Con este acordo, o Executivo galego dá cumprimento ao anuncio realizado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda; durante o transcurso da XIV edición do Encontro médico do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña, que tivo lugar o pasado mes de xuño na cidade herculina.

Nos vindeiros días, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; asinará cos presidentes dos catro Colexios Oficiais de Médicos de Galicia, o convenio de colaboración que facilita o acceso á prescrición de medicamentos, exclusivamente, para uso propio, do cónxuxe ou parella de feito, e dos seus beneficiarios legalmente recoñecidos. 

Os profesionais sanitarios interesados no uso destes talonarios de receitas oficiais do Sergas, deberán cubrir a súa correspondente solicitude de autorización, que deberá ser tramitada a través do Colexio Oficial de Médicos correspondente á localidade de residencia do persoal facultativo xubilado.  Así, e tras ser facilitados polas xerencias de cadansúa área sanitaria, os propios Colexios de Médicos encargaranse de entregar os talonarios aos facultativos.

Do mesmo xeito, os Colexios Oficiais Médicos encargaranse de notificar ás xerencias das áreas sanitarias, calquera tipo de incidencia comunicada polo facultativos sobre os talonarios, así como de trasladar aos facultativos xubilados, toda a información relevante que sexa remitida polo Servizo de Calidade e Seguridade de Medicamentos e Produtos Sanitarios, ou as normativas de aplicación xeral en relación co emprego das receitas médicas oficiais.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde