24 CONCELLOS GALEGOS FANSE CO OURO NO MARCO DO PROGRAMA ‘PRAIAS SEN FUME’
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 09 2022

​A Xunta de Galicia vén de premiar 24 concellos galegos por manter todas as súas praias libres de fume. Os municipios, adscritos ao programa ‘Praias sen fume’, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, recibiron esta acreditación por teren todas as súas praias libres de tabaco. 

O acto, que transcorreu en Baiona, contou con representación do concello de Baiona e dos demais municipios recoñecidos nesta categoría.

O programa ‘Praias sen fume’, creado no 2016 coa vontade de desnormalizar o consumo do tabaco, establece dúas categorías: ouro e prata. Na primeira inclúense os concellos que contan con todas as súas praias, mariñas ou fluviais, libres de tabaco; na segunda, os municipios co 50 % de praias sen fume. O concello de Baiona foi pioneiro, posto que xa no 2012 promoveu unha iniciativa contra o uso do tabaco. Ademais, este municipio leva adscrito ao programa dende os seus inicios.

Neste 2022, acadan por primeira vez este diploma de ouro os concellos de Cervo, Ponte Caldelas, Sanxenxo, Tui, Valdoviño e Boiro; uníndose así a unha lista de máis de 20 municipios os seguintes concellos: Cedeira, Corcubión, Laxe, Mañón, Noia, Ponteceso, Pontedeume, Redondela, Rianxo, Vilaboa, Ponteareas, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Baiona, Bergondo, Cabana de Bergantiños, Dumbría e Barreiros. 

Por outra banda, arredor de 15 concellos recibirán o diploma de prata, que acredita a aqueles municipios que teñen polo menos a metade das súas praias declaradas sen fume. 

Un total de 214 areais, que representan 80 concellos, forman parte da Rede Galega de Praias sen Fume. En consecuencia, na actualidade, máis do 40 % das praias galegas, xa son “praias sen fume”, contribuíndo a promover unha vida sen tabaco, desnormalizar o seu consumo e tamén coidar o medio ambiente.

O obxectivo da Xunta é conseguir que, nos vindeiros anos, todas as praias galegas formen parte da rede. Este programa, no que Galicia é pioneira a nivel estatal, ten sido incorporado posteriormente por outras comunidades autónomas.

Pertencer á rede compromete ao concello a seleccionar praias que estean incluídas no censo oficial, colocar toda a sinalización e materiais de difusión facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública e desenvolver no concello actividades ou accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco como actividades arredor do día mundial sen tabaco (31 de maio), soporte para actividades levadas a cabo no ámbito escolar, charlas dirixidas á poboación sobre os beneficios de non fumar ou a organización de "Grupos para deixar de fumar" para fomentar e facilitar o abandono de tabaco.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde