A XUNTA APROBA A CONTRATACIÓN DE SONDAS DE USO MÉDICO PARA AS ÁREAS SANITARIAS POR IMPORTE DE 5,2 MILLÓNS DE EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 09 2022

O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación da subministración de sondas de alimentación, urolóxicas, de aspiración, rectais e outras sondas con destino ás distintas áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde por un importe total de 5.298.684 euros durante os vindeiros 3 anos. 

Este contrato enmarcase na política de centralización dos contratos de material sanitario que a Xunta ten posto en marcha nos últimos anos para acadar importantes aforros e evitar variacións significativas nos prezos dos materiais. No caso das sondas, trátase da segunda contratación centralizada deste tipo de material. 

As sondas de uso médico permiten obter unha vía de acceso a un espazo do organismo para drenar, aspirar ou administrar fármacos, nutrición e outros. Trátase de dispositivos de complexidade técnica moderada pero de suma importancia na actividade asistencial, e imprescindibles para o traballo diario nos centros sanitarios.

O obxecto desta contratación é asegurar a subministración deste material sanitario as distintas áreas, garantindo a mellor asistencia sanitaria aos usuarios que o requiran e procurando as mellores condicións técnicas. A Xunta busca tamén con esta nova contratación adquirir material sanitario coa maior funcionalidade de uso para os profesionais e para os doentes.

A Xunta tomou a decisión de centralizar a compra deste material no ano 2018, o que permitiu aforrar á Administración galega un 14,4% nas compras anuais de sondas dende esa data. Polo tanto, esta  segunda licitación deste contrato de material sanitario supón continuar con esa experiencia de xestión eficiente dos recursos públicos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde