A XUNTA AUTORIZA A CONTRATACIÓN DA LIMPEZA DE MÁIS DUNHA VINTENA DE CENTROS DE SAÚDE E PAC DA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 09 2022

​O Consello da Xunta autorizou na reunión celebrada hoxe a contratación e a prestación do servizo de limpeza dun total de 23 centros de saúde e Puntos de Atención Continuada dependentes da área sanitaria da Coruña e Cee por un importe total de 4.290.127 euros  -con IVE-  e unha duración inicial de 2 anos. 

O contrato incrementa en 262.809 euros ó do exercicio 2021 xa que incorpora 16 novos centros. Boa parte deles correspóndense con centros construídos polo Sergas nos últimos anos nesta área sanitaria como os de Buño (Malpica), O Temple (Cambre), O Portádego (Culleredo), Villarrodís (Arteixo) ou o PAC de Cee. Tamén se incorporan centros de saúde que anteriormente dependían dos concellos e cuxa titularidade foi traspasada á Xunta nos últimos anos como os de Irixoa, Laxe, Santa Cruz (Oleiros), Paderne, Ponteceso, Présaras (Vilasantar) ou Vimianzo, así como o centro de saúde de Laracha, cuxo PAC foi tamén obxecto de reforma de ampliación nestes anos.

A contratación da limpeza destas instalacións sanitarias, que contempla 2 anos de duración -os anos 2023 e 2024- , farase mediante procedemento aberto,  e o seu valor estimado ascende a máis de 8,5 millóns de euros. A finalidade do contrato é que, cos medios técnicos e humanos adecuados, se acometan as tarefas de limpeza, tanto interior como exterior destes centros sanitarios e das súas dependencias, e que todas as instalacións se atopen nun estado óptimo. 

O Consello da Xunta do pasado 4 de agosto aprobaba tamén a contratación  do servizo de  limpeza do Hospital Universitario da Coruña e do Hospital Abente e Lago, dependentes tamén da area sanitaria da Coruña e Cee. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde