A XUNTA CENTRALIZA A COMPRA DE REACTIVOS PARA O CULTIVO DE BACTERIAS E FUNGOS EN TODO O SERGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 09 2022

​O Consello da Xunta autorizou hoxe a primeira compra centralizada da subministración reactivos de laboratorio para a realización de cultivos automatizados de bacterias aerobias, anaerobias e fungos en mostras de sangue e outros fluidos biolóxicos. Esta contratación, por prezo unitario e con destino ás distintas áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, ascende a 2.760.080  euros, e prolongarase durante os vindeiros 3 anos. 

A compra aprobada hoxe enmarcase dentro da política de centralización dos contratos de material sanitario que a Xunta ten posto en marcha nos últimos anos para acadar importantes aforros e evitar variacións significativas nos prezos dos materiais. 

Os reactivos permiten realizar hemocultivos, que se utilizan para detectar infeccións por bacterias ou por fungos na sangue, identificando os microorganismos presentes e permitindo realizar un tratamento adecuado. Os hemocultivos son de gran utilidade para detectar unha infección na sangue -septicemia – que podería conducir a unha sepsis ou complicación moi grave que pon en perigo a vida do paciente.

O obxecto desta contratación, cuxo procedemento de contratación é aberto, é asegurar a subministración deste material sanitario as distintas áreas, garantindo unha mellor asistencia sanitaria aos usuarios que o requiran.

Política de centralización de contratos

Este contrato enmárcase na política de centralización dos contratos de material sanitario que a Xunta ten posto en marcha nos últimos anos con importantes aforros. Así, o pasado mes de xuño aprobouse a licitación para a subministración sucesiva de suturas manuais e cola de tecidos non absorbible, no período comprendido entre 2022 e 2025, por un importe total de 7.289.227 euros. 

Tamén, entre os expedientes licitados por primeira vez nestes últimos anos polo Servizo Galego de Saúde mediante compra centralizada, está a subministración sucesiva de tubos endotraqueais e cánulas de traqueotomía, adxudicado por un importe de 1.839.709,81 euros, con IVE, cun aforro do 18,66 % sobre a licitación; a subministración sucesiva de sistemas monitorización de glicosa, adxudicado por un importe de 834.291,08 euros, con IVE, cun aforro do 4,20 % sobre a licitación; e a subministración sucesiva de equipos de cobertura cirúrxica cun importe de adxudicación de 2.961.134,41 euros, con IVE, cun aforro sobre a licitación do 8,59 %. ​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde