​A XUNTA RENOVA MÁIS DE 60 ECÓGRAFOS NOS HOSPITAIS PÚBLICOS GALEGOS CUN INVESTIMENTO DE 5,3 MILLÓNS DE EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 09 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña visitou hoxe o servizo de radiodiagnóstico do Hospital Universitario de Ourense, para coñecer os novos equipos de ecografía instalados neste centro dentro do proceso de renovación de máis de 60 ecógrafos, levado a cabo pola Xunta de Galicia no último ano, mediante un investimento de 5,3 millóns de euros.

En particular, a Xunta licitou o ano pasado dous contratos de subministracións: un para adquirir 48 novos ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico dos hospitais públicos galegos e un segundo para facerse con 16 ecógrafos destinados, na súa meirande parte, aos servizos de urxencias. Logo de formalizarse os contratos coas distintas empresas adxudicatarias a comezos deste ano, os equipos están xa instalados.

As contratacións realizadas teñen achegado novo equipamento de ecografía á totalidade dos hospitais da rede pública galega, incluíndo aos sete hospitais comarcais, que teñen recibido todos eles cando menos un novo ecógrafo, ben sexa para urxencias ou para radiodiagnóstico.

En concreto, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras instaláronse trece ecógrafos. Tres nos servizos de urxencias dos tres hospitais públicos, e dez nos servizos de radiodiagnóstico. 

Nove novos ecógrafos no Universitario de Ourense

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego visitou está maña o Hospital Universitario de Ourense, onde se instalaron nove novos equipos,  cun investimento de máis de 900.000 euros. Ademais do de urxencias, oito deles en funcionamento nas distintas áreas funcionais do Servizo de Radioloxía e Radiodiagnóstico do Hospital Universitario de Ourense, un servizo central de referencia moi especializado, que cobre desde as necesidades diagnósticas do sistema músculo esquelético ou vascular, da mama, abdomen, etc. 

Parte dos novos equipos son ecógrafos doppler color de prestacións avanzadas, (Canon Aplio i800) e supoñen un investimento superior aos 100.000 euros, que permiten obter imaxes de gran precisión, con microcorte dinámico intelixente, microvascular intelixente superior, frecuencia ultra alta de microfluxo, asi como imaxes 4D ou de endoscopia virtual.

Comesaña comprobou en Ourense o funcionamento dos novos ecógrafos instalados, nunha visita na que estivo acompañado polo xerente desta área sanitaria, Félix Rubial, e polo xefe do servizo de radiodiagnóstico, Manuel Fernández Carrera. 

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Esta contratación responde ao obxectivo de mellorar a oferta asistencial á poboación das sete áreas sanitarias de Galicia, aumentando e modernizando a capacidade radiodiagnóstica de todos os hospitais públicos galegos, como medio para mellorar o diagnóstico e seguemento dos seus usuarios e usuarias. 

O equipamento obxecto destes expedientes de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Estes contratos forman parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano.

En particular, o goberno galego investiu máis de 4’3 millóns de euros na adquisición de 37 novos equipos radiocirúrxicos e adquiriu sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros para as sete áreas sanitarias. Ademais, ven de adxudicar outro contrato por 1,4 millóns de euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas no conxunto de hospitais públicos do Sergas e está a piques de resolver outro por valor de 3 millóns de euros, licitado en maio deste ano, para substituír máis de 50 mesas cirúrxicas dos hospitais galegos que contan con máis de 15 anos de antigüidade.

Por outra banda, a Xunta está a tramitar este ano contratos por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación e ampliación de equipamento sanitario de diagnóstico por imaxe, radioterapia e medicina nuclear en todas as áreas sanitarias. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde