O SERGAS RETOMARÁ TODA A ACTIVIDADE ASISTENCIAL NO CONSULTORIO DE PARGA ESTE MESMO MES DE SETEMBRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 09 2022


O Servizo Galego de Saúde retomará este mesmo mes de setembro a actividade asistencial, tanto de medicina de familia como de enfermaría, no consultorio de Parga.

Hai que lembrar que a pandemia da Covid-19 obrigou a trasladar temporalmente parte da actividade do consultorio de Parga ao centro de saúde de Guitiriz, coa fin de garantir unha atención segura tanto aos pacientes como aos profesionais deste centro sanitario.

Unha vez chegada a esta fase da pandemia, o Servizo Galego de Saúde, a través da xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, decidiu recuperar ao longo deste mes de setembro a actividade asistencial, tanto de enfermaría como de medicina de familia. 

Hai que lembrar que o consultorio de Parga contaba, aínda durante a pandemia, con atención de enfermaría. Sen embargo, a atención médica tivo que trasladarse temporalmente ao centro de saúde de Guitiriz, xa que o consultorio de Parga non reunía os requisitos establecidos no plan de continxencia para actuar contra a Covid-19, pois a súa estrutura física e disposición arquitectónica non permitía manter as obrigadas e necesarias distancias de seguridade e os circuítos de dobre circulación esixidos para loitar contra a propagación do virus.

Como xa se explicou no seu momento, tratábase dunha medida temporal que revertería unha vez fose factible garantir unha atención sanitaria segura e de calidade no consultorio de Parga, tal e como acontece actualmente.

Polo tanto, ao longo deste mes o consultorio de Parga volverá a dispor de atención médica e verá reforzada a atención de enfermería.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde